Endurecer non: amolecer

REPULSIÓN, ABRAIO, INDIGNACIÓN E TRISTEZA, sobre todo tristeza, son algúns dos sentimentos que me provocan feitos como os acontecidos en Seseña e Ribadeo. O do concello toledano, onde unha adolescente de catorce anos matou a outra de trece, é o máis estarrecedor. A agresión duns rapaces a unha anciá de Ribadeo semella menos grave. Seguramente estes, que lle lanzaron unha pelota ardendo á súa vítima, non mediron as consecuencias do acto. É posíbel que non se lles pasase pola cabeza que a muller remataría con graves queimaduras pola súa disparatada brincadeira. Aínda así, o feito é abondo significativo. Nun e noutro caso o que se evidencia é unha total falta de empatía, é dicir, da capacidade cognitiva que permite percibir o que poden sentir os demais nunha situación concreta. Para iso é preciso coñecer os propios sentimentos, ser quen de avalialos e entender que o propio desexo nos resta obxectividade á hora de nos poñer no sitio dos outros.

O verbo que máis se conxuga nas tertulias radiofónicas e televisivas é "endurecer". Endurecer as penas para que os que cometen tales actos "paguen" coa falta de liberdade o maior tempo posíbel. Poucas veces se oen voces discrepantes que afonden no problema e nas súas orixes e que sinalen a estes delincuentes como unhas vítimas máis que, por riba, espertan menos compaixón.

Como non podemos acreditar na teoría do criminal nato defendida no século XIX por Lombroso, necesariamente teremos que concluír que, fóra dalgúns casos patolóxicos, as causas haberá que buscalas no ambiente familiar e social e na educación. A empatía é máis doada nas persoas que non padeceron problemas afectivos na familia, nenos que foron queridos, escoitados e consolados cando o precisaron. Mais estamos a nos converter en 'cyborgs' (seres metade humanos, metade máquina; realidades sociais e de ficción ao mesmo tempo). As criaturas son anainadas pola televisión, os rapaces viven soldados a todo tipo de aparellos que non senten nin padecen. A lectura, que é un xeito privilexiado de autocoñecemento e de coñecemento dos outros, é destronada polas linguaxes puramente iconográficas, case sempre ligadas a contidos superficiais, cando non violentos. O ensino está cada vez máis encamiñado ás especialidades técnicas e vanse desterrando as humanidades, como se non fosen compatíbeis uns e outros coñecementos. Todo xoga á deshumanización, ao endurecemento. Cómpre, xa que logo, amolecer, sensibilizar.

Iso fixo sempre o amigo Lorenzo, catedrático de Filosofía nun instituto de Alcalá de Henares. Hoxe opérano en Madrid dun tumor cerebral. Trinta e cinco alumnos presentáronse no hospital para doar sangue e así poder velo e animalo. Iso é empatía. Porque a xuventude segue a ser xenerosa e devolve o que recibe.

Comentarios