Endesa abre a súa planta térmica das Pontes a enxeñeiros de Macedonia

Os visitantes coñeceron o xeito de traballar na aplicación da Directiva Europea de Emisións Industriais desde o punto de vista da Administración e da empresa
Central térmica de As Pontes
photo_camera Central térmica de As Pontes

A unidade de produción térmica de Endesa nas Pontes recibiu este xoves a visita de dez enxeñeiros de Macedonia e cinco técnicos da Xunta de Galicia, que coñeceron o método de xestión dos procesos de adaptación do recinto á Directiva Europea de Emisións Industriais.

Nun comunicado, o grupo eléctrico enmarcou este evento no proxecto Twinning, financiado pola Unión Europea e do que se beneficia Macedonia para que os seus técnicos comproben "in situ o xeito de traballar na aplicación da normativa europea desde o punto de vista da Administración e da empresa".

A firma auspicia esta iniciativa en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio do Goberno galego e a Axencia do Medio Ambiente de Austria.

Os visitantes, engade a empresa, "manifestaron a súa excelente impresión" sobre o proceso de modernización, mentres que "representantes da Xunta agradeceron a colaboración de Endesa e indicaron que a unidade de produción térmica das Pontes é referente de boas prácticas".

Subliña a compañía que "o obxectivo perseguido é achegar experiencia a Macedonia para adaptar a súa lexislación e o seu xeito de traballar aos requisitos da Directiva de Emisións Industriais".

Trátase dun "país candidato a entrar na Unión Europea", polo que "deberá cumprir dita normativa". Ao mesmo tempo, "tanto técnicos de Galicia como de Austria visitaron Macedonia en diversas ocasións co obxecto de realizar as actividades previstas".

Comentarios