ENQUISA: Como ve o estado de conservación do mosteiro de San Salvador?


ALBA RECALDE
''Debería haber colaboración das administracións para conservalo''

«Todo o edificio debería rehabilitarse, porque se encontra en moi mal estado e deberían ser todas as administracións e o Obispado as que colaborasen para arranxalo. Unha maneira de mantelo mellor conservado podería ser darlle un uso, por exemplo como albergue para os peregrinos que fan o Camiño de Santiago. Sexa como sexa debería esta moito máis coidado, porque é un aceno de identidade do pobo e presenta un estado que non é o axeitado».

TÁRSILA IRIMIA LÓPEZ
''Ós veciños dános pena velo así, pero confío en que se amañe''
«O mosteiro está mal porque é propiedade do Obispado e non do pobo. Ós veciños dános moita pena velo neste estado, porque xa caeu un pedazo do tellado, aínda que non tardaron moito en arranxalo. Eu penso que non tardarán moito en amañalo mellor, porque a alcaldesa foi falar coa Xunta e parece ser que o presidente lle prometeu que, alomenos a fachada da igrexa, se ía arranxar e tamén confío en que as melloras sexan para todo o edificio».

SONIA AFONSO
''O Bispado non fai nada para arranxalo, cando ten cartos''
«É unha pena que estea caendo, pero é propiedade do Bispado que non fai nada por amañalo cando ten máis cartos ca moitos concellos. Neste estado da unha mala imaxe para o pobo e máis tendo en conta que o seu pórtico é unha réplica do da catedral de Santiago. Se se lle dera un uso podería estar mellor conservado, pero a xente tamén temos pouca iniciativa e non colaboramos en sacar cousas adiante e a nova alcaldesa aínda está a empezar».

ISAAC FERNÁNDEZ
''Podería dárselle un uso deixando que a xente nova o utilizase''
«Está moi mal conservado e é preciso que entre as administracións e o Obispado se poñan dacordo para melloralo. Fai uns anos facíase aí un torneo de baloncesto para os rapaces, pero tal e como está agora non se pode usar porque pode ser perigoso. Podería habilitarse para que o utilizase a xente nova e así estaría mellor conservado, sen embargo tal e como está a situación económica agora, non creo que se vaia arranxar, polo menos de momento».

ANTONIO TAPIADOR
''O patrimonio que ten dentro debería ensinarse''
«Teñen que arranxalo e polo en condicións e quen tería que facelo é o Obispado. Se non toman algunha medida acabarase caendo, porque o mosteiro xa sufriu un derrube e na igrexa por dentro pode verse unha greta. Está claro que usándoo estaría moito mellor, ademais aí dentro hai moito patrimonio que se podería ensinar á xente, pero é a Igrexa a que non deixa e deste xeito o que consegue é que o seu mal estado vaia a peor».

Comentarios