En veleiro polo camiño de Foz

As augas da focense praia da Rapadoira foron escenario este sábado da primeira peregrinación marítima de veleiros por augas mariñás co obxectivo de promocionar o Camiño do Mar. Trátase dunha iniciativa levada a cabo pola Deputación dentro do programa Km0 a Compostela, coa que colaboraron o Concello de Foz e o Club Náutico.

Finalmente, foron doce as embarcacións que participaron na actividade, todas elas pertencentes a clubs náuticos de Foz, Burela, Ribadeo, Viveiro e Asturias. ás dez e media da mañá partiron desde o porto ribadense algúns dos veleiros, que percorreron 27 millas ata chegar ao golfo do Masma, enfronte da praia da Rapadoira. Os que partiron desde Viveiro fixérono á unha e media do mediodía e o seu traxecto ata o mesmo punto que os anteriores foi de nove millas.

Xa pola tarde todos os participantes atopábanse en Foz e dispuxéronse a efectuar a saída da regata. Os barcos tiveron que entrar no porto ao redor das sete e media, pois ata esa hora ata a cal foi imposible por culpa da marea.

Todos os participantes recibiron diferentes obsequios institucionais e os tres primeiros clasificados foron galardoados con trofeos conmemorativos de man de diversas autoridades, entre as que se atopaba o presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, o cal quixo agradecer a implicación dos regatistas neste orixinal evento turístico deportivo que «encheu de cor a costa lucense».

Besteiro destacou que «do mesmo xeito que fixemos co barco Muralla de Lugo, con esta peregrinación a Deputación quere reivindicar que Lugo ten mar e pór en valor o Camiño Norte». Tamén indicou que esta era unha forma diferente de mostrar como o medio ambiente pode andar da man do deporte e de como «a nosa costa pode ser un referente para o turismo náutico, do mesmo xeito que hoxe son as Rías Baixas».

Comentarios