En liberdade o condutor do bus escolar que envorcou en Fuenlabrada tras dar positivo en cocaína

O accidente provocou feridas leves ao piloto e a 21 menores que foron trasladados a sete hospitais madrileños
El vehículo, tras el siniestro
photo_camera El vehículo, tras el siniestro

Vinte e un nenos de entre 11 e 14 anos resultaron feridos leves este mércores pola mañá ao envorcar un autobús escolar nunha rotonda de Fuenlabrada (Madrid). O condutor do vehículo, que foi detido tras dar positivo en consumo de cocaína, quedou posteriormente en liberdade con cargos.

O sinistro ocorreu sobre as oito da mañá nunha rotonda situada no quilómetro 10 da M-506, en Fuenlabrada, onde envorcou un autocar da empresa Flocarbus que levaba a 44 escolares desde a urbanización Parque Miraflores ao instituto Jimena Menéndez Pidal da localidade madrileña. A Garda Civil non pechou de momento a investigación sobre as causas do accidente, pero os primeiros indicios apuntan a un exceso de velocidade.

Tamén se espera a que a análise de sangue confirme o positivo por cocaína que deu o condutor na proba de saliva. Fontes da investigación recordaron a Efe que esa proba inicial só detecta o consumo realizado nas últimas seis horas.


Todos os menores recibiron o alta ao longo do día salvo unha nena que presenta un cadro de amnesia



De momento, o detido, E.G.G., madrileño de 34 anos e con 4 anos de licenza para conducir transporte escolar, quedou en liberdade tras prestar declaración ante a Garda Civil e ante a xuíza de instrución número 1 de Fuenlabrada. El asegurou que non consumiu cocaína nos últimos días.

A maxistrada retiroulle o carné de conducir e a licenza profesional e a Fiscalía impútalle un delito de condución baixo a influencia das drogas previsto no artigo 379.2 do Código Penal e que pode ser castigado con penas de tres a seis meses de prisión ou simplemente cunha multa ou traballos en beneficio da comunidade. Fontes da investigación explicaron que, cos datos achegados ata o momento no informe preliminar da Garda Civil, non se lle pode imputar un delito de condución temeraria, castigado cunha pena maior.

En calquera caso, a acusación que pesa sobre o condutor está penada coa privación do dereito a conducir vehículos a motor e ciclomotores por un tempo comprendido entre un e catro anos.

Varios dos nenos comentaron aos medios que o condutor era "raro", chegaba durmido e ás veces estaba agresivo



O envorco do autobús provocou feridas ao propio condutor e a 21 menores que foron trasladados a sete hospitais madrileños. Todos eles "leves pero asustados", segundo o conselleiro de Sanidade madrileño, Jesús Sánchez Martos, polo que xa recibiron o alta ao longo do día. Tan só unha nena pasará a noite en observación no hospital Severo Ochoa de Leganés ao presentar un cadro de amnesia.

Varios dos nenos que ían no autobús comentaron aos medios que o condutor era "raro", chegaba durmido e ás veces estaba agresivo, o que lles levou a temer que ocorrese un accidente.  Un deles relatou que este mesmo martes varios escolares comentaron que algún día "ía pasar unha desgraza co condutor", que "sempre ía moi rápido", aínda que non advertiron de nada disto ao colexio.

Comentarios