miércoles. 27.05.2020 |
El tiempo
miércoles. 27.05.2020
El tiempo

WALDORF FOI A PRIMEIRA

Nas aldeas acóllenos cos brazos abertos

Chelo Alonso, en Nenea
Chelo Alonso, en Nenea
Antes de ceder os locais, o Concello pregunta aos veciños que lles parece a iniciativa e a resposta foi positiva. En San Xoán do Alto están encantados

Chelo Alonso ten a escola unitaria de San Xoán do Alto alén da estrada. É o único edificio á vista en varios centos de metros á redonda e ata hai pouco estaba baleiro. Pero desde hai uns meses, a escola infantil é parte da vida de Chelo e viceversa. Todos os nenos a coñecen e vense cada día, aínda que só sexa para intercambiar saúdos desde a fiestra cando o apuro non lle permite ir velos. Está encantada co cambio. "Gústame ver xente e se son nenos máis aínda, que me gustan moito", asegura. Non é só a súa opinión, di que outros veciños cos que falou do tema pensan o mesmo. Os nenos dan compañía e, ademais, "para que se vai deixar estragar os edificios?", di.

Como bos veciños, bótanse unha man no que faga falta. Chelo dálles auga do seu pozo, ensínalles como se traballa a horta e cédelles unha carballeira que ten preto de casa e que os pequenos xa bautizaron como "o bosque de Chelo". E non é a única, outros veciños tamén se pasaron a explicar que tamén eles estudaron alí ou a prestar un apeiro se fai falta. "Os nenos teñen unha vinculación afectiva con eles e tamén queremos que vexan que a vida no rural é posible", explica Bibiana Marful.

"Para o que teña nenos, isto está ao ladiño e así tamén se lle dá uso á escola", dice una vecina de San Xoán do Alto

María Jesús Vázquez é unha das veciñas que estudou nesa unitaria. Naqueles tempos, recorda, "había nenos en todas as casas, non era como agora". Tamén está contenta co cambio, aínda que ela está máis afastada. Pero aínda así, "óense griletear desde aquí", conta á porta da súa casa. "Para o que teña nenos está ao ladiño e dáselle uso á escola", xustifica.

Asegura que non interfere nas actividades dos veciños, aínda que a comida do San Xoán preferiron facela fóra porque dentro está todo o material escolar. "Se o Concello arranxase a vivenda —un edificio contiguo—, habería moito máis sitio para todos", indica.

O concelleiro de Medio Rural asegura que antes de ceder unha escola unitaria sempre se fai unha prospección entre os veciños para coñecer a súa opinión, e que ata agora sempre se mostraron "encantados".

No caso de Chelo, as mañás son máis alegres desde hai un tempo. "Agora teño máis compañía", confesa. Danlla os nenos e tamén os peregrinos que, cada vez con máis frecuencia, lle piden fotografar o seu hórreo.

Nas aldeas acóllenos cos brazos abertos
comentarios