''En crise podemos atopar persoas como Díaz Castro que nos axudan a facer pé''

"Penso que Díaz Castro transmite unha mensaxe para a xuventude e a xente: nunha época de crise podemos atopar mulleres e homes como el que nos axudan a facer pé". Alfonso Blanco Torrado, presidente da asociación cultural Xermolos de Guitiriz e experto na vida e obra do homenaxeado nas Letras Galegas deste ano, reivindicou a figura do poeta como alguén que "axuda a agradecer" o próximo e a "crecer en autoestima" ata en tempos escuros como os que vive Galicia na actualidade.

"Podemos navegar moi lonxe a través do mundo virtual, pero seremos capaces de entender e comprender mellor outras latitudes se valoramos o que temos máis preto. Se estamos alegres de vivir a vida no noso berce. É un poeta que axuda a agradecer o que temos máis preto, o noso propio mundo", considerou nunha entrevista concedida a Europa Press.

Blanco Torrado recorda a Xosé María Díaz Castro, con quen mantivo "sobre todo unha amizade" e "unha andaina en común", como un home "moi sinxelo, moi humilde" e á vez "elegante e moi cordial", que sempre se mostraba "alegre de vivir".

"Coñecino no tramo final da súa vida, cando se xubila en Madrid e vén para aquí. Ata os seus fillos o dicían, a época máis feliz para el. Porque el sempre botaba de menos o regazo da terra nai. Poder retornar ás súas raíces encheuno de felicidade e contaxiaba e compartía esa alegría", explicou.

Segundo recorda o presidente de Xermolos, Díaz Castro "quixo ser autor dun só libro", 'Nimbos' (1961), que inclúe 32 poemas "de varias décadas" que foi depurando e traballando no tempo. "Quería que fosen unha síntese moi axustada dunha mensaxe, un pensamento e unha música", sinalou.

Esta obra está chea "dese cariño polas criaturas máis sinxelas", dun "profundo humanismo" e unha resposta aos "grandes temas da humanidade", como son o tempo, a morte ou a natureza.

Comentarios