"En 27 anos de servizo nunca loitei contra un lume igual ca este"

Coas chamas que, durante a madrugada do martes, ameazaron a aldea de Ernes, en Negueira, xa estabilizadas, unha das brigadas antiincendios que traballou na zona daba a súa visión da traxedia que estes días calcinou parte da provincia
Trabajos de extinción que se llevaban a cabo en la aldea de Ernes, en Negueira de Muñiz
photo_camera Trabajos de extinción que se llevaban a cabo en la aldea de Ernes, en Negueira de Muñiz

O CANSAZO de tres longos días loitando contra o lume reflectíase no rostro, pero non no ánimo, dos brigadistas que, á primeira hora da tarde deste martes, afanábanse en extinguir os focos que aínda seguían activos cerca do núcleo de Ernes, en Negueira de Muñiz. Homes curtidos en centos de batallas contra as chamas e que prefiren manterse no anonimato, pero que recoñecían a excepcionalidade da situación vivida durante as últimas 72 horas. "En 27 anos de servizo nunca loitei contra un lume igual", comenta un deles, que sabe de primeira man que de non ser pola choiva que caeu na zona durante a madrugada do martes a situación sería aínda moito máis dramática.

Este incendio, que a última hora da tarde deste martes dábase xa como estabilizado, iniciouse hai uns días no municipio asturiano de Ibias para cruzar o luns a fronteira lucense tras coroar o monte Busbeirón. Ladeira abaixo, as chamas avanzaron a gran velocidade ameazando as casas e as vidas do case medio centenar de veciños que habitan a aldea de Ernes. "Se non chega a ser pola choiva, o lume non só levaría as casas senón que as lapas chegarían ata a mesma beira do encoro", destaca este mesmo brigadista, que no entanto reivindica o traballo feito por el e os seus compañeiros durante estes días.

"Doe ler ou oír nalgúns medios que a choiva e a Unidade Militar de Emerxencias (Ume) son os que extinguiron os lumes que estes días arrasaron Galicia, cando a realidade é que as brigadas levamos xornadas enteiras traballando, sacando forzas de onde non as hai e loitando sen apenas ferramentas contra unha situación especialmente tráxica. Que ninguén se esqueza que os medios da Ume chegaron ao final, cando xa todo estaba controlado e que quen realmente nos metemos no medio do monte, co lume rodeándonos somos nós", denuncia este home, mentres os seus compañeiros asenten.

A brigada que este martes atendía o lume de Negueira de Muñiz estaba formada por parte do persoal das dúas coas que conta A Fonsagrada. "Facémolo así porque nalgún momento temos que descansar, porque estes días foron moi intensos. Facemos quendas de oito ou nove horas e descansamos doce, senón non hai corpo que aguante", explican.

Pero para estes traballadores, que estes días atenderon outros incendios noutros moitos puntos da provincia, como A Pobra do Brollón ou Cervantes, o máis duro non é o esixente traballo físico, o fume irrespirable do terreo calcinado, os repentinos cambios de vento ou o propio risco ao que expoñen as súas vidas en cada unha das súas actuacións. "O máis duro é cando lle tes que dicir a alguén que abandone a súa casa e todas as súas pertenzas, porque non imos poder salvalas do lume", afirma outro dos brigadistas, en referencia a algúns dos virulentos focos nos que tivo que actuar en Cervantes.

E mentres enlazan as súas historias, como a desa en Vilarello (Cervantes), na que rapidamente se tiveron que subir ao tellado dunha casa para retirar a parte da cuberta que empezara a arder, mentres outros compañeiros salvaban un tractor e liberaban ao gando que no cortello parecía xa sentenciado a matar, estes incansables heroes seguen realizando o seu labor, pisando un terreo fumarento que abrasa os pés, coa suor negra mesturado en cinza baixando polos seus rostros e gritando por uns metros máis de mangueira que lles permitan chegar a unhas chamas que aínda se resisten uns metros ladeira abaixo. E todo, mentres se empapan nesa choiva colaboradora que, repentinamente, cae desde a cesta do helicóptero de apoio.

Cando por fin se deteñen para repor forza e respirar algo de aire fresco, toca o momento de reflexionar. "Que imos pensar. Quen fai isto está tolo", afirma un destes homes. Mentres que á súa esquerda outra sentenza que, "o que sucedeu estes días en Galicia debería marcar un antes e un despois. Esta vez non foron demasiados focos, no peor dos casos como foi o de Cervantes só foron dous ou tres, que se viron potenciados ao producirse nun deses días que se daba a fórmula do 30", é dicir, ventos de máis de 30 quilómetros por hora, máis de 30 graos e máis de 30 días sen choiva.

Outro membro do efectivo tamén apunta cara ao despoboamento do rural como causa do desastre, "o monte está abandonado, non se cultiva e coa maleza as lapas esténdense rapidamente. Con só limpar 100 metros ao redor das casas, ningunha delas estaría en perigo", indica.

Comentarios