Empresas de acuicultura crean un distintivo para a promoción de pescados de produción española

O obxectivo da campaña 'Crianza dos nosos mares', cun custo superior ao millón de euros, é fomentar o consumo da dourada, a corvina e robaliza de orixe española

As empresas do sector da acuicultura mariña veñen de crear o selo 'Crianza dos nosos mares' para promocionar no mercado nacional a dourada, a corvina e robaliza de produción española.

O obxectivo deste distintivo, presentado este martes durante a asemblea da Asociación Empresarial de Produtores de Cultivos Mariños (Apromar), é fomentar o consumo desas tres especies de pescado de orixe española.

Trátase dunha campaña cun custo superior ao millón de euros, con financiamento inicial das empresas, e empezou coa identificación dos peixes cun sinal, que se verá nos mostradores da pescadería.

A partir de xuño difundiranse anuncios en medios de comunicación, co apoio do cociñeiro Karlos Arguiñano, haberá actividades en redes sociais e difusión de material informativo.

O xerente de Apromar, Javier Ojeda, declarou á prensa que a marca é unha iniciativa nova, porque as empresas únense por primeira vez con ese fin, para potenciar o consumo de tres peixes criados en España con "criterios de calidade e frescura moi altos".

Ojeda advertiu de que a promoción non se centra en divulgar a acuicultura, senón en intentar que o cidadán distinga a orixe española de douradas, robalizas e corvinas, cun sinal en cada un dos peixes, do mesmo xeito que por exemplo se fixo co "plátano de Canarias".

Os acuicultores compiten cos envíos de procedencias como Turquía.

O responsable de Apromar confiou en que esta campaña obteña financiamento da Unión Europea (UE) e, neste sentido, subliñou a preocupación que existe entre os acuicultores polo atraso do cobro de axudas do Fondo Europeo Marítimo e Pesqueiro (FEMP) do período 2014-2020.

O "desfasamento" e o atraso das subvencións provoca, segundo Ojeda, que as empresas recorran a préstamos bancarios para os seus investimentos.

Pola súa banda, o secretario xeral de Pesca, Andrés Hermida, declarou que España presentou á Comisión Europea (CE) o programa para aplicar estes fondos, que ascenderán a 211 millóns de euros para seis anos, o que sumado á cofinanciación nacional e autonómica elevará a 420 millóns o gasto en acuicultura.

Hermida confía en que "despois do verán" estean operativas as dotacións, tras o visto e prace da CE e a concreción de programas coas autonomías.

Doutra banda, o secretario xeral de Pesca anunciou que está en preparación un borrador para actualizar a lei de acuicultura, nesta lexislatura ou na próxima.

A nova lei tratará de simplificar os trámites administrativos e facilitar a instalación de piscifactorías.

Para Apromar, a lentitude na burocracia e os problemas de espazo paralizan a creación de empresas.

Apromar agrupa a 98 firmas de acuicultura mariña (exclúe o mexillón), que facturaron 263,7 millóns de euros en 2014.

O xerente desta patronal apuntou que en 2014 a acuicultura mariña creceu, tras anos de estancamento, pero porque as granxas foron máis eficaces, xa que o número de empresas non variou nunha década.

Mencionou o desprazamento de compañías de España a países como Portugal ou Islandia, porque as empresas nacionais "saben facer peixe, pero non teñen sitio onde facelo".

comentarios