miércoles. 08.04.2020 |
El tiempo
miércoles. 08.04.2020
El tiempo

Empresarios e veciños de Baralla protestan polas deficiencias da traída

Un corte de auga provocado por unha avaría deixou este sábado sen subministración a toda a vila e xerou serios problemas en bares e barberías

Unha avaría na traída de auga de Baralla deixou este sábado sen subministración a vila e desatou as queixas de veciños e comerciantes, que están fartos de que esta situación se repita con frecuencia. "Ou rompe un tubo e quedamos sen auga ou sae sucia e non se pode beber. Estamos seguido con problemas e non desfrutamos dun servizo polo que pagamos", di un veciño. 

Os baralleses xa están afeitos a esta situación e moitos contan con depósitos que enchen para casos de urxencia. "Cando acondicionei ou local para a perruquería xa contaba con isto e fixen un depósito, eu hoxe non tiven problema", dicía a única perruqueira que puido traballar con normalidade durante a mañá do sábado. 

Algunha outra pechou ou intentou atender aos seus clientes o mellor que puido. "Non é agradable andar quentando potas de auga para lavar cabezas e é normal que os clientes protesten", dicía outra profesional do mesmo gremio. 

Nos bares a situación tamén era complicada. Queixábanse de que non podían servir café de máquina. Algúns recorreron a cafeteras domésticas para non deixar sen a súa dose diaria de cafeína aos clientes, "pero todo o mundo sabe que non é igual", comentaban.

O alcalde di que foi unha "avaría puntual" e o PSOE reclama un mantemento adecuado da rede de abastecemento

Os hostaleiros foron especialmente críticos co Concello, a quen acusan de non manter adecuadamente a traída de auga. "Nós pagamos por un servizo, ninguén nos perdoa unha factura. A auga non é un negocio, é unha necesidade e é obriga do Concello atendela. Se hai que amañar a traída que o fagan, custe o que custe, porque non se trata de que sexa rendible, senón de que é un dereito que temos", dicía un dos empresarios afectados. 

O seu traballo durante a mañá do sábado foi complicado, ata que a auga volveu á primeira hora da tarde. "Non podemos fregar e nin podo facer uns petiscos porque non teño con que lavar as mans", apuntaba unha hostaleira. Outros foron a buscar auga ao río para fregar o chan. "Collimos seis caldeiros de auga non río para limpar", comentaban. 

As queixas pola turbidez da auga e polos repetidos cortes non son novas en Baralla. No entanto, o alcalde, Manuel González Capón, indicou que o corte foi "unha avaría puntual" derivada da rotura dunha tubaxe. 

A perda de presión que auguraba a seca detectouse o venres. Ás dez da noite cortouse a subministración e os operarios municipais comezaron a buscar a avaría. Localizaron a fuga ás dúas da madrugada, pero, segundo indicou o alcalde, "estaba non medio duns prados e non puideron cambiar a tubaxe ata pola mañá". A última hora da mañá deste sábado aseguraba que estaba "reparada e en canto encha ou depósito ou subministro será normal". E así foi, á primeira hora da tarde a auga volveu circular pola traída. 

Desde o PSOE local, consideraron "unha irresponsabilidade que non se manteña como é debido a traída e que se deixe baleirar ou depósito porque agora virá turbia". Advirten de que "esta situación prexudica os veciños e os pequenos empresarios, que perden diñeiro cada día que isto pasa".

Empresarios e veciños de Baralla protestan polas deficiencias da...
Comentarios