Emma Pedreira e Pepe Pol gañan o premio Manuel Oreste

A poetisa coruñesa Emma Pedreira e o escritor de Montefurado (Quiroga) Pepe Pol resultaron gañadores da 15ª edición do certame literario Manuel Oreste Rodríguez López nas modalidades de poesía e narrativa, respectivamente.

O concurso, dotado con 600 euros en cada unha das categorías e a publicación das obras premiadas, está convocado polo Concello de Paradela. Neste consistorio reuniuse este venres o xurado para dar a coñecer os gañadores entre as 215 obras presentadas a esta edición, procedentes de toda España e con destacada presenza de autores de países latinoamericanos como Brasil, Arxentina ou Chile. Do total de traballos, 107 corresponden á modalidade de poesía e 108 á de narrativa, na súa maioría escritos en castelán (186), fronte a 29 en galego.

Emma Pedreira logrou o premio de poesía coa obra 'Caderno de Lisboa'. Nesta categoría, concedéronse senllos accésits aos poemarios 'Tan sólo por ser mujer', de Manuel García Díaz Pintado —de Cidade Real—, e 'Defensa da domesticación', da compostelá Rosa Piñeiro Fariña.

O autor de Montefurado fíxose co galardón na modalidade de narrativa pola obra 'Sibila y hada mayor en la Ribeira Sacra', presentada baixo a lema 'Vendimiador'. Os accésits recaeron en 'A meiga do Xiabre', de Noa María Carballa Rivas (de Meis), e 'O paquete do emigrante', de Mercedes Branco Igrexas, con domicilio en Vigo.

Xurado
O xurado, presidido polo alcalde de Paradela, José Manuel Mato, estivo formado polo xefe territorial de Cultura, José Carlos Rodríguez Andina; o sacerdote Xesús Mato e o funcionario da delegación de Cultura Xulio Xiz. O secretario do Concello, José López González, deu fe do acto, ao que non puideron asistir os outros dous membros do xurado: Santiago Rodríguez, fillo do autor homenaxeado con este certame, e o escritor Xavier Rodríguez Barrio.

Todos eles destacaron a alta calidade dos traballos e o gran número de obras presentadas. A entrega dos premios celebrarase neste municipio a finais de ano. Ademais, o Concello pretende conmemorar esta 15ª edición con outros eventos, como a presentación dun libro que reúne toda a obra poética do autor de Paradela Manuel Oreste Rodríguez.

Comentarios