'Emigrante dun país soñado' expón unha visión transoceánica de Seoane

De esquerda a dereita, Ramón Villares, Claudio Rodríguez Fer e Benxamín Casal (Foto: Sebas Senande)
photo_camera De esquerda a dereita, Ramón Villares, Claudio Rodríguez Fer e Benxamín Casal (Foto: Sebas Senande)

Unha visión transoceánica e compartida, integrando as perspectivas de expertos galegos e arxentinos. É a principal aportación de ‘Emigrante dun país soñado. Luis Seoane entre Galicia e Arxentina’, libro editado polo Consello da Cultura Galega (CCG) que recolle as actas dun congreso internacional sobre o intelectual celebrado en abril de 2010, e que foi presentado onte na galería Sargadelos de Lugo.

Asistiron ao acto o coordinador da obra e presidente do CCG, Ramón Villares, o poeta e profesor Claudio Rodríguez Fer e Benxamín Casal, presidente de Galaxia.

Para o historiador Ramón Villares, o libro presenta dúas novidades fundamentais. A primeira delas sería, precisamente, esa visión integradora. «O libro expón unha mirada compartida sobre Seoane, entre galegos e arxentinos. El sempre fixo referencia a que tiña dúas raíces, e o título do libro atende a iso, a esa doble cidadanía e ao feito de soñar cunha terra, tela sempre en mente, cando se reside noutra», explicou.

A segunda aportación é facer fincapé na figura de Seoane como intelectual, «unha faceta del que quedou quizáis nun segundo plano, sendo máis coñecido como artista, cando foi, a nivel global, un pensador sistemático, coherente e comprometido con devolver a Galicia o seu patrimonio cultural. Sen dúbida, un dos máis importantes e influíntes dos galegos no exilio», aseverou Villares.

«Foi un ideólogo cun proxecto cultural para modernizar Galicia, para trasladar a cultura ao pobo. Todo iso que temos agora, a posibilidade de ir aos teatros, ao cine, el tíñao na cabeza dun xeito utópico, soñaba con ese ideal socialdemócrata», expresou o editor do libro.

Villares referiuse tamén á visión que teñen de Seoane na súa outra terra, a arxentina. «Alí é considerado, sobre todo como muralista, aspecto que aquí tamén é un pouco descoñecido. No teatro San Martín, na Avenida Corrientes de Bos Aires, pode apreciarse a súa pegada», afirmou.

Rodríguez Fer quixo expresar a súa «sintonía, tanto persoal como ideolóxica», por Seoane e centrou a súa intervención na conexión do intelectual con Lugo.

Figura poliédrica

Benxamín Casal Vila, pola súa banda, coincidiu en resaltar o carácter «poliédrico» de Seoane, un «dinamizador cultural de primeira orde» nas súas múltiples facetas, como ensaísta, pintor, deseñador e colaborador de Isaac Díaz Pardo na súa aventura empresarial en Sargadelos.

Casal Vila definiu a Luis Seoane como «unha ponte entre a cultura galega» en referencia ós seus anos no exilio. «Foi dos primeiros en chegar, no ano 36, e dende alí foi acollendo aos que viñeron despois, preparando un movemento de modernización da nosa cultura que se viu un pouco abaixo coa consolidación do franquismo», expresou.

CONEXIÓN
Os inicios en Lugo do Seoane editor

Rodríguez Fer subliñou a conexión de Luis Seoane con Lugo, «aspecto que normalmente non se resalta e que é importante», recalcou.

«Gracias á mediación do seu amigo Ánxel Fole, iniciouse eiquí nos anos 30 na colaboración con revistas de esquerda como ¡Ahora! ou Yunque, unha aprendizaxe que despois poñería en práctica como editor de revistas», rematou.

Comentarios