miércoles. 01.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 01.12.2021
El tiempo

Absolto pola Audiencia porque a fraude era demasiado basta

Eloy Castro
Eloy Castro
O lucense, que conta cun amplo historial de condenas firmes, suma tamén un bo número de exculpacións. Neste caso, o tribunal cre que o comprador do camión non fixo as comprobacións exixibles do seu estado

Eloy Castro acumula un amplísimo historial policial, que nestes momentos inclúe máis dunha vintena de denuncias activas por toda España, en lugares como Barcelona, Oviedo, Navia, Corvera, San Sebastián, Bilbao ou Pamplona. Do mesmo xeito, no seu historial xudicial figuran un bo número de condenas firmes, pero tamén é certo que pode presumir de non poucas absolucións.

Unha das máis peculiares é a que asinou en outubro pasado a Audiencia Provincial de Lugo, que o absolveu dun delito de estafa porque o comprador non tivo "a mínima dilixencia exixible" para protexer os seus propios intereses nunha operación tan basta que "bastase unha simple comprobación do obxecto vendido e unha mera lectura da documentación en que se materializou a operación" para descartar a compra.

A Audiencia revogaba así a condena por estafa que previamente lle impuxo o xulgado Penal 1. Segundo os feitos probados recollidos na sentenza, Eloy Castro, que en 2011, despois do peche de Autocentrum, puxera un negocio de venda de camións usados, acordou a venda dun deles que un cliente vira anunciado por internet. Acordaron un prezo de 30.680 euros por un camión Man con 438.000 quilómetros.

A entrega final e a firma de documentos fíxose no aeroporto de Santiago, "sen que previamente á firma e á recepción do vehículo fixesen ningún tipo de comprobación ou verificación".

Os papeis que o comprador asinara incluían un contrato no que figuraba un prezo de 11.550 euros para un camión de 398.000 quilómetros, "manifestando o comprador a súa conformidade coa lectura do odómetro e renunciando a calquera reclamación". Ademais, asinou outra declaración que aseguraba que fora informado os defectos e outro máis polo autorizaba a Eloy Castro a facer melloras no vehículo.

Cando o camión empezou a dar problemas, moi pronto, xa era tarde. "Certamente, non escapa a ninguén o estraño que supón realizar nun vehículo defectuoso, cun prezo de 11.550 euros, diversas melloras que ascenden a un importe notablemente superior, 19.130 euros", di a Audiencia. "Tamén resulta extremadamente estraño que unha persoa que pretende adquirir un vehículo cuxo custo final é superior a 30.000 euros, non o examine previamente. Mínima dilixencia imprescindible que puidese influír de xeito decisivo na compra, nun suposto como o de autos no que o camión vendido adoecía de defectos moi serios, algúns visibles e apreciables sen necesidade de ser un entendido en cuestión de vehículos".

Absolto pola Audiencia porque a fraude era demasiado basta
comentarios