Elon Musk, un Dá Vinci moderno

O creador de innovadoras empresas como Paypal, Tesla e SpaceX quere levantar unha cidade en Marte e ideou un tren supersónico. Sufriu bullying de pequeno e é un adicto ao traballo
Elon Musk
photo_camera Elon Musk

O seu nome ocupa un lugar destacado na lista dos emprendedores máis disruptivos do mundo. E desde mozo, porque antes de cumprir os 40 anos e en pouco máis dun lustro, Elon Musk xa fundara catro revolucionarias empresas: Paypal, o innovador sistema de pagos a través de internet; Tesla, o primeiro fabricante de vehículos eléctricos en serie; SolarCity, o maior provedor de enerxía fotovoltaica de Estados Unidos, e SpaceX, unha pioneira compañía privada de viaxes ao espazo. Foi así como se colgou a etiqueta de gran inventor da era moderna un home ao que a Terra parece quedarlle pequena para pór en práctica o seu enxeño.

Non só quere ofrecer á humanidade a posibilidade de viaxar a Marte en foguetes xigantes polo mesmo que custa comprarse unha vivenda –uns 160.000 euros– en poucos anos, senón que o seu obxectivo é levantar alí unha cidade con polo menos un millón de habitantes antes de morrer, convencido de que a vida aquí ten data de caducidade. E como? Quentando o planeta vermello con bombas nucleares para lograr que sexa habitable.

Outro proxecto de película que Musk está cada vez máis preto de facer realidade é un tren supersónico propulsado por enerxía solar e con forma de cápsula levitante, que se desprazará dentro dun tubo a velocidades de ata 1.200 quilómetros por hora. O reto é enlazar Nova York e Washington en apenas 30 minutos a través dun precursor transporte que xa ten autorización para construír.

Considerado o sucesor de Steve Jobs en Silicon Valley, a meca tecnolóxica situada en California, Musk xa naceu con madeira de xenio. Veu ao mundo un día de verán de 1971 en Pretoria, Suráfrica. Fillo dun enxeñeiro e unha modelo, con só dez anos xa programaba co computador que se comprou e aos doce vendeu a primeira creación propia, un videoxogo do espazo. Con 17 foise a Canadá, terra da súa nai, pero o seu desexo era dar o salto a Estados Unidos, onde aterrou sendo un rapaz de 20 anos para licenciarse en Administración de Empresas e Física na Universidade de Pensilvania cunha bolsa.

TRAXECTORIA EMPRESARIAL. Con ambos os títulos na man, comezou a fulgurante carreira profesional de Musk. Estreouse no mundo emprendedor fundando xunto co seu irmán e un amigo Zip2, unha das primeiras plataformas online para xornais. Cos 300 millóns que obtivo da súa venda a Compaq, en 1999 investiu en Paypal, unha compañía que triunfou en pouco tempo e que adquiriu eBay, convertendo a Musk en rico.

Hoxe amasa unha fortuna de máis de 15.000 millóns de dólares. Movido pola súa filosofía de querer cambiar o mundo, en 2002 este soñador fundou a súa terceira compañía: SpaceX, dedicada a desenvolver e producir lanzadeiras espaciais. Dous foguetes de transporte e unha nave espacial son os primeiros froitos desta empresa, que conseguiu un contrato da Nasa para que as súas astronaves viaxen á Estación Espacial Internacional.

Un ano despois chegou Tesla, que xa desbancou a General Motors como a firma automobilística con maior capitalización bolsista en Estados Unidos. Con ela, Musk –un apaixonado dos coches que tivo un McLaren F1, un BMW M5 Hamann ou un Porsche 911– aspira a transformar este mercado coa fabricación de vehículos 100% eléctricos que todo o mundo queira e poida ter no seu garaxe.

E noutra das áreas que lle apaixonan, a enerxía, este visionario fundou hai pouco máis dunha década SolarCity, para estender a enerxía solar e facela alcanzable. Só un adicto ao traballo, como el se declara, pode aguantar o ritmo: traballa unhas 100 horas semanais, come nun abrir e pechar de ollos e quítalle horas ao soño.

AS SOMBRAS. E a súa vida persoal tamén foi movida nos últimos anos. Casou e divorciou dúas veces coa mesma muller, coa que tivo cinco fillos –trillizos e xemelgos–. Actualmente sae cunha nova actriz e quere volver ser pai. As luces da súa vida son coñecidas, pero tamén hai sombras. No colexio sufriu bullying; o seu pai abusaba del psicoloxicamente; hai 17 anos estivo a piques de morrer de malaria ao contraer a enfermidade durante unhas vacacións por Brasil e Sudáfrica, e moitos dos seus empregados aseguran que traballar con el é un trauma polas súas esixencias tiránicas. Conseguirá Musk revolucionar o mundo como se propón?

Comentarios