Eles cocíñano e eles grávano

El ilusionista Pedro Volta cautivó al público de Barreiros (Foto: AMA)
photo_camera El ilusionista Pedro Volta cautivó al público de Barreiros (Foto: AMA)

COMO NON podería ser doutro xeito, a Casa da Cultura de Alfoz despregou a súa alfombra vermella para acoller ás estrelas do instituto Alfoz-Valadouro. que presentaron en sociedade a quinta película rodada no centro, e que leva por título ‘Pasado e presente'.

Unha historia na que máis dun non puido reprimir as bágoas, xa que narra a vida dunha moza que deben enfrontarse soa ao futuro, logo de perder aos seus pais en tráxicas circunstancias. Por fortuna, a moza non está soa e son moitas as mans amigas que a axudarán a seguir adiante.

O guión foi, nesta ocasión, froito do traballo dos alumnos María Areán e Adrián Rodríguez, cos pertinentes arranxos de Pepe Peinó, que exerceu de director, como nos catro anteriores filmes que se rodaron grazas á énfase que o centro pon nestes temas. E é que todos se implican por unha boa causa, a de sacar adiante un proxecto orixinal e ilusionante.

A fotografía correu a cargo de Antón Madeiro, mentres que a banda sonora é obra do profesor Jorge Olivera. No papel de actores nomes como Sandra Gómez, Alberto Níñez, Paz Quiroga, Andrea Cabanas, Ángel Casabella, Iván Campo, Nerea Gómez, Simeón Neira, Fe Pérez, Zaira Fernández, Dani Alonso, Susi Paz ou Saray Martínez, entre outros, todos eles profesores e alumnos do instituto, así como estudantes doutros centros próximos.

Os veciños gozaron da estrea dunha película na que recoñecen moitos dos lugares onde se desenvolve.

O ilusionista Pedro Volta cativou ao público de Barreiros

O ilusionista Pedro Volta deleitou a todo o público que o domingo pola tarde achegouse ao centro sociocultural Manuel Díaz Sampedro, en San Cosme de Barreiros. O seu espectáculo titulado Camiños das ilusións gustou tanto a nenos como a maiores, que encheron ata os topes estas instalacións para poder gozar dunha tarde de domingo chea de maxia e de ilusión nunha actuación que promoveu o Concello. 

Os maiores de Alfoz gozaron dun día de convivencia

Os maiores de Alfoz, máis dun centenar, participaron o pasado sábado nunha comida de confraternidade que veñen celebrando anualmente. O evento tivo lugar nas instalacións da Finca Galea e consistiu primeiro nunha comida e logo nun baile. Ademais, entregáronse agasallos aos asistentes de máis idade de entre os participantes, que este ano foron Benilde Paz Pico e Abelardo Yáñez Otero. 

Alumnado do Sagrado Corazón de Ribadeo visitou o Parlamento de Galicia

Un amplo grupo de alumnos do colexio Sagrado Corazón de Ribadeo fixo unha visita ao Parlamento de Galicia. Fixérono para coñecer as instalacións e recibir unhas nocións básicas do funcionamento do lugar. Como guías desta visita, tiveron a dous parlamentarios da comarca mariñá, José Manuel Balseiro e Vidal Martínez-Sierra, quen lles ensinaron ‘a casa' e logo fotografáronse nun dos salóns do Hórreo. Talvez algún regrese algún día como inquilino.

Galipizza apoia ao equipo de fútbol sala feminino Ribadeo FS, da liga Galega

A firma Galipizza rubrica un convenio de colaboración co equipo feminino do Ribadeo FS, que actualmente se atopa competindo na liga Galega Feminina. O equipo ribadense lucirá durante dúas tempadas o slogan de Galipizza no seu vestiario. 

Comentarios