Elías Portela: “En Galicia temos un problema de 'branding' moi gordo; Islandia lévanos moita vantaxe”

O poeta en lingua galega e islandesa e tradutor vive dacabalo de dúas situacións culturais e lingüísticas que define como "as dúas caras da mesma moeda" en dous países pequenos: Galicia, onde o galego non é unha lingua minoritaria mais si minorizada, e Islandia, cun idioma con só 330.000 falantes, pero que conta coa categoría de lingua de Estado
Elías Portela
photo_camera Elías Portela

ELÍAS PORTELA (Cangas do Morrazo, 1981) é poeta en lingua galega e islandesa e tradutor. Estudou Románicas na Universidade de Santiago e marchou a facer un Erasmus a Reikiavik, onde reside desde hai case quince anos e publica baixo o heterónimo de Elías Knörr. Vive dacabalo de dúas situacións culturais e lingüísticas que define como "as dúas caras da mesma moeda" en dous países pequenos: Galicia, onde o galego non é unha lingua minoritaria mais si minorizada e que está a ser substituída polo castelán nos usos cotiáns, e Islandia, cun idioma con só 330.000 falantes, pero que conta coa categoría de lingua de Estado e cunha produción cultural perfectamente identificable internacionalmente, malia que está a ser ameazado polo inglés.

O galego ten tres millóns de habitantes e é considerado un idioma pequeno a carón do castelán. O islandés é a lingua de só 330.000 persoas, nun contexto doutras linguas escandinavas, coas que está emparentada, tamén pequenas. Existe esta conciencia lingüística?
Os países nórdico-escandinavos teñen todos unha realidade lingüística moi complexa, neste caso, Islandia é o único cunha soa lingua oral oficial –a única cooficial é a linguaxe por señas islandesa– e isto simplifica moito as cousas. A conciencia lingüística existe, mais está chea de contradicións. O islandés medio é moi pasivo no tocante ao idioma e eu case diría que está traumatizado coas clases de lingua no colexio –igual có galego?– , o cal non axuda nada. Logo, os que máis fardan e falan con chauvinismo e demagoxia sobre a lingua son precisamente aqueles que non se preocupan por ela, nin polo ensino nin polo sistema cultural ou os medios de comunicación. Realmente hai pouca xente que amose un interese auténtico no futuro do islandés, e na súa grande maioría son persoas que traballan directamente co idioma. Segundo os informes Pisa, Islandia ten un dos peores resultados de competencia lectora dentro do mundo occidental co que se pretende identificar. O baixón comezou co cambio de século, mais polo de agora aínda non se tomaron verdadeiras medidas ao respecto –alén do feito de que os mestres estean todos os anos con algunha folga ou protesta, dende a primaria á universidade ou á música–. No fondo, todo é unha cuestión de política e de valores. Con todo, Islandia é un país de contrastes, e a xente q traballa pola lingua, desvívese por ela e iso nótase. Xa sei que soa contraditorio, mais esta sociedade ás veces é moi de extremos.

O outro idioma en conflito é o inglés, que funciona como lingua franca na área...
A influencia do inglés é enorme, non só pola globalización senón porque nos atopamos nun contexto de postcolonialismo estadounidense. A omnipresencia do inglés en moitas das actividades cotiás dos falantes, especialmente dos máis novos, é algo inevitable, mais ao islandés medio non é algo que lle moleste ou preocupe.

"O islandés é lingua oficial e, pola súa historia, está ben definido e non está realmente politizado, polo que no día a día xoga con vantaxe"

Na súa experiencia como parte dos sistemas culturais galego e islandés, e logo de ter pasado por educación galega e islandesa, que puntos en común atopa?
A comparacións co galego poden ser un abismo; no caso do islandés, somos arredor 330.000 falantes, o equivalente á poboación de Vigo, mentres que o galego é a sexta lingua nai máis falada do mundo. A situación da problemática e da conciencia lingüística son, por así dicilo, as dúas caras da mesma moeda. O islandés é lingua oficial e, pola súa historia, está ben definido e non está realmente politizado, polo que no día a día xoga con vantaxe. O galego sería o contrario mais, por outro lado, pertencemos a unha familia lingüística moi extensa e poderosa e a influencia do inglés é relativamente pequena. Volvendo ao islandés, o sistema educativo está de capa caída e iso está a ter efectos negativos na lingua e na mentalidade. En Galicia, aínda que a lingua non estea normalizada, se nunha comunidade ou colexio teñen a conciencia de teren unha educación en galego, teñen tamén o bo sentido de preocuparse pola cultura e por outros aspectos sociais. É unha lóxica que vai á par.

Ao igual có galego, o islandés conta cunha tradición medieval moi poderosa. En que se traduce?
Paréceme moi interesante que menciones a medievalidade, porque impacta máis no presente do que ás veces cremos. A literatura en norso antigo é un caso moi afortunado, non só polas circunstancias históricas que fixeron que florecesen xéneros narrativos e poéticos moi sofisticados, senón tamén polo prestixio e a conservación dos textos. Obviamente estamos a falar de literatura de vai séculos e non todo o mundo ten o coñecemento ou a valentía para lela, mais está aí e toda Escandinavia considera este corpus literario como algo propio, mesmo se por antonomasia se identifica con Islandia, non é islandés, é nórdico. No tocante á medievalidade galega, practicamente non se conservou nada de prosa e, á hora de estudar a poesía, estamos entre miopías de Portugal e Castela, polo que en termos académicos ás veces a literatura medieval galega nunca existiu e iso cabréame moito. A prosa islandesa tamén tivo os seu séculos escuros ata o XIX, mais o status da lingua e o coñecemento do legado medieval foron os que crearon a situación actual de pleno esplendor da literatura islandesa. A historia ten moitos paralelismos coa galega, mais as circunstancias e o resultado son diferentes.

Sobre as axudas de Islandia á cración artística: "Son soldos baixos e hai escritores que aforran ou marchan a un país barato para que os cartos lles cundan"

Que relación teñen os islandeses coa súa lingua e coa súa produción/identidade cultural?
A relación lingua/identidade é algo inevitable, aquí coma en calquera outra parte, mais a produción cambia moito cando estamos nun sistema social diglósico. Se seguimos un discurso nacionalista ou de márketing do país –porque aquí, e especialmente nesta época de boom turístico, o país enteiro é un produto máis ca unha realidade–, a lingua é o piar fundamental. Mais o inglés non se ve como algo foráneo; a cultura islandesa é moi estadounidense. A produción musical adoita ser normalmente en inglés e do mesmo xeito hai teatro, espectáculos e mesmo literatura islandesa que directamente se compón en inglés; e cando un poeta gaña o último 'slam' poético da capital cun texto integramente composto en inglés, nótase que a percepción tanto dos autores coma do público non está do lado da lingua autóctona.

Existe algún tipo de actuación gobernamental: axudas económicas aos creadores, bolsas...?
Existen sistemas de estipendios de maior ou menor tempo para apoiar a creación artística. Son soldos baixos e hai escritores que aforran ou marchan a un país barato para que os cartos lles cundan e poderen escribir con liberdade. Con todo, tamén hai moita demagoxia e protesta alegando que o Estado non ten por que pagarlle a existencia a unha panda de hippies que se fan chamar creativos. A xente ten fantasías bukowskianas sobre o que é un artista... aínda que tamén no caso de Islandia ás veces sexan moi certas, e mesmo os propios autores islandeses –que se 'emperran' en reflectir unha imaxe de xenio nato e descoidado que escribe case por un don da natureza que o separa do resto dos humildes mortais– tampouco axuda a crear unha imaxe profesional. Tamén teño oído que o sistema de estipendio, nalgúns casos tamén funciona como un sistema de censura –se protestas demasiado nos medios e tocas a algunha personalidade sensible, ó mellor non che renovan as axudas–, mais polo xeral coido que funciona bastante ben, ou polo menos dá os seus froitos. 

"O caso do cinema é interesantísimo e aquí ademais foi necesario ter un apoio económico importante do Estado"

E no que atinxe á tradución, dispoñen dalgún pulo á tradución ao islandés e para que os autores islandeses sexan traducidos a linguas foráneas? 
Conviven actitudes un tanto extremas; por un lado, a desidia popular, mais por outro o islandés nunca recibiu tanto material traducido como a día de hoxe. Dentro do mundo cultural enténdese moi ben que traducir é un fenómeno chave na supervivencia do idioma; a xente está concienciada, a opinión xeral é que cómpre traducir máis e sobre todo cousas máis exóticas –cousa que non sempre é factible o vendible—, mais a oferta é ben interesante. Eu, teño que confesar que o meu pracer secreto é ler traducións, e nunha lingua tan pechadiña no seu fogar como é o islandés, resulta una sensación marabillosa poder descubrir outros mundos e mesmo redescubrir a propia lingua cun texto traducido. Supoño que á maioría da xente tamén lle pasará o mesmo co galego, aínda que o galego é moi internacional polo que a sensación non sempre é a mesma. 

Desde fóra somos quen de identificar unha serie de autores actuais islandeses de máis ou menos calado: Sjón, Hallgrímur Helgason, Auður Ava Ólafsdóttir, Yrsa Sigurdardóttir, Arnaldur Indriðason. Teñen ata un Nobel de Literatura, Halldór Laxness, e contan cunha escena musical recoñecida mundialmente que vai máis aló de Björk... Semellan logros importantes para un país que ten a mesma poboación que a provincia de Lugo... 
A chave está no sistema educativo. O caso da música é o máis evidente, pois se non fose porque hai décadas se inseriu a formación musical no sistema, non existiría toda a canteira de músicos que hai por todas partes. Nun principio investir en educación musical non era máis ca investir en calidade de vida, mais ao pouco converteuse nun fenómeno cultural; unha poboación con coñecemento en musica tamén crea cultura per se e se a iso lle sumas que Islandia sempre tivo unha tradición moi potente de coros, o boom musical era inevitable, e chega dende o pop e o rock ata a música clásica. O jazz e o blues tamén están crecendo. O único que non levanta cabeza é o folk tradicional. En Islandia enténdese folk por música estadounidense e en EE UU alucinan cando escoitan cousas tipo 'folkish' ou 'americana' feitas por reikiaviquingos. 

As películas islandesas gañan premios internacionais e podes velas ata no cine en Lugo, onde é súper difícil que poñan algo que non sexa 'mainstrean', nas platafornas de televisión á carta á carta hai series islandesas, aínda que sexa en coprodución coa BBC... 
O caso do cinema é interesantísimo e aquí ademais foi necesario ter un apoio económico importante do Estado, xa que a sétima arte pode ser unha das máis caras de producir. O caso é que Islandia, ata hai ben pouco, era famosa polas súas películas malas, interesantes pero terriblemente feitas. Mais precisouse tan só uns poucos anos para pasar a unha calidade de primeira, cunha fotografía fermosísima e unha narrativa ben traballada, é algo abraiante. Mais o apoio financeiro coido que foi determinante. 

"A miña experiencia co cine galego é moi boa, o problema é que non se percibe como cinema galego, percíbese como cinema español"

Galicia nin pode soñar con algo así a día de hoxe 
De novo, as comparacións con Galicia son a outra cara da moeda. O legado e os horizontes musicais galegos son cen veces mais grandes cós islandeses; o galego é unha lingua de mundo, temos unha tradición medieval e folclórica inmensa e incluso no seu día existiu unha movida con influencia a nivel estatal... Con todo, eu nunca lle perdoarei ao meu colexio que nin me aprenderan a tocar a frauta. Afortunadamente, o coñecemento dos instrumentos tradicionais está bastante xeneralizado e o ámbito do folk funciona moi ben, aínda que ás veces nos quedemos no postaleiro ou tendamos aos 40 Principales. A miña experiencia co cine galego é moi boa, o problema é que non se percibe como cinema galego, percíbese como cinema español... e velaqui o quid da cuestión: todo o bo que se produce na nosa terra pasa a ser catalogado e coñecido como español. Temos un problema de 'branding' moi gordo; neste aspecto, un paisiño diminuto como Islandia lévanos unha vantaxe tremenda. 

Linlle no limiar da tradución da Saga dos Groenlandeses e de Erik o Roxo que nun territorio que non dispón de bens materais para facer arte, como foi Islandia tanto tempo, a palabra se volve unha ferramenta preciosa e imprescindible. Cre que este pode ser un dos motivos da relación dos islandeses coa súa cultura? 
Podía ser un motivo ata hai un século, mais a vida, o tipo de vivenda, o ocio e as comunidades cambiaron moito nas últimas décadas. O ser humano ten que encher a súa existencia con algo e a día de hoxe temos outra cultura máis caduca e superficial que non ten moito que ver coa literatura. A tradición de cantigas, rimas e regueifas leva décadas morta en Islandia, cousa que na miña humilde opinión é o peor que lle puido pasar á lingua, moito mais grave cós problemas de educación ou a influencia do inglés. Por fortuna, existe o rap, que agora mesmo está nun momento álxido e só se compón en islandés. Persoalmente o mundillo hiphopeiro de Reikiavik non me atrae demasiado, mais é un fenómeno que está aí, que ten o seu peso e que agora mesmo resulta fundamental na relación coa lingua da xente dos seis aos trinta anos. Eu coido que o rap vai salvar o islandés (risos). Contábame un colega deseñador que aquí, a falta de materias primas, a xente é especialista en vender conceptos, deseño, márketing... de feito, incluso podes ir a unha tenda de souvenirs e mercar aire islandés en lata! Esta pode ser a cara máis frívola do asunto, mais si que é certo que o ser humano ten que encher a súa existencia con algo, e a literatura pode ser algo moi inmaterial, pero tremendamente satisfactorio, especialmente en circunstancias de carestía. De feito, cando hai crise, debería investirse máis en cultura. 

"O 'lopapeysa', o xersei tradicional de la, é moi típico, pero estaba mal visto até o 2009 e nalgúns contextos aínda o segue a estar"

Unha das cousas que me marabillan das novelas, da poesía, da música e das producións audiovisuais islandesas é que nunca, nin as máis contemporáneas e vangardistas, nin sequera as creacións denominadas 'de xénero' renuncian á tradición oral e aos mitos do folclore. Comparte esta idea? 
Estes son os temas que máis me preocupan, porque a visión do noso é o que resulta decisivo no mantemento e supervivencia dunha cultura. Como comentei antes, a tradición oral e folk do islandés está practicamente morta e non sei por que. Mais si que existe unha bagaxe, un coñecemento das lendas e mitos do país bastante xeralizados, en parte porque aínda están ben vivos. Forman parte do xeito local de interpretar a realidade, mais tamén son parte da imaxe que nos creamos de Islandia, ás veces incluso unha visión estranxeira e, a dicir verdade, unha obra con realismo máxico islandés ten moitas máis posibilidades de ser exportada. Ou iso ou a novela negra. 

Todos semellan estar tan orgullosos dos seus mitos como de vestir 'lopapeysa', os xerseis tradicionais, a diario. 
O 'lopapeysa', o xersei tradicional de la, é moi típico, pero estaba mal visto até o 2009 e nalgúns contextos aínda o segue a estar. O que si que ten un status de prestixio son os traxes tradicionais, especialmente o feminino; nos eventos importantes, incluso políticos, é normal que as mulleres vistan de traxe tradicional, porque a muller –sexa interpretado dende un punto de vista feminista ou dente un punto de vista patriarcal– é a personificación da nación. Pola contra, non existe ningunha vestimenta nin prenda galega que teña unha función social equivalente, é algo que nos faría moita falla! Sería fermoso ver algo galego nas festas, nas graduacións, nas investiduras, nos bautizos, nos pregóns... Cómpre usar o que temos, darlle un status, darlle un significado e reinterpretalo, e sermos críticos, porque os traxes tradicionais tamén poden ser moi clasistas e sexistas. 

"A cultura galega ten a vantaxe de que tamén entra polo estómago –qué hai máis práctico e funcional cá comida?!"

Os galegos temos metida a nosa tradición popular nun caixón, como se xa non servise para facer cultura, arte, neste século XXI no que cómpre ser cosmopolita, exactamente igual que gardamos os traxes tradicionais e os musealizamos... Cre que é un complexo que deberiamos revisar? 
Esta cuestión do traxe tradicional toca a musealización da cultura galega, que pode parecer de clase baixa e rural, que seica deixou de ser funcional e que a miúdo só se aprecia dun xeito postaleiro e pintoresco. Como resposta, seica temos que esforzarnos en producir unha cultura moi intelectual e moi cosmopolita, o cal eu aplaudo e adoro, mais ás veces rematamos illándonos da tradición. Na miña situación eu tiven que ir máis de soslaio e optei na miña poesía en ambos os países por tomar unha perspectiva transnacional, que é tan autóctona como exótica e utópica. É o mellor que podo facer no meu caso, mais considero que unha funcionalización do autóctono é algo primordial. A cultura galega ten a vantaxe de que tamén entra polo estómago –qué hai máis práctico e funcional cá comida?!– e no mundo da gastronomía valoramos o tradicional, canto máis caseiro e rural sexa un chourizo, máis caro está na tenda de delikatessen; o de Galicia calidade ten fundamento, mais se o entendemos perfectamente na comida ou tamén na xoiería –porque o ouro e a prata non se comen, pero son ouro e prata–, non entendo por que lles baixamos sistematicamente o caché ao resto de produtos autóctonos. 

A cotío atopámonos con informacións que din que un de cada dez islandeses escribirá un libro, de tradicións como o trebón de libros de antes de Nadal e de estatísticas que sosteñen que Islandia é o país cun maior índice de lectura do mundo? Canto de certa ten a utopía cultural islandesa? Recibimos unha percepción idealizada desde esta parte do mundo? 
Pois é moi certo, aquí hai poetas en todas familias; non quere dicir que todos sexan bos, pero si que hai moito ánimo de escribir. A cousa está cambiando un pouco coas novas xeracións, que se cadra non len tanto, len menos en islandés e, polas queixas que lle teño escoitado a algún escritor, hai moita rapazada que nunca pasa da literatura xuvenil... e isto vai marcar un pouco o futuro, mais a profesión de escritor e o obxecto do libro seguen a ter un prestixio e unha funcionalidade na vida de moita xente. Estamos nunha época de cambio, na que aínda por riba nos subiron os impostos do libro –e eu sigo defendendo que, dada situación actual, o libro en galego debería estar libre de impostos–. Islandia é un sistema cultural tan pequeno que calquera tropezo pode ser un terremoto, e na autonomía galega pasa outro tanto do mesmo. Mais tamén calquera vitoria pode ser colosal... O único que se pode facer é seguir traballando por que as cousas vaian ben.

comentarios