O vicepresidente ve ''totalmente fóra de lugar'' as declaracións de Algnam

O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, afirmou hoxe que as declaracións proferidas polo alcalde de Muras, Isaam Algnam, contra o seu partido ás portas da Audiencia Provincial a pasada semana estiveron "totalmente fóra de lugar", pero valorou que o rexedor local intentase matizalas e dixo que "se iso é unha rectificación, benvida sexa".

O alcalde de Muras chegou a dicir que lle farían "un favor grande" se o botan do PP, porque o "verdadeiro PP" é "o de Manuel Fraga", que se construíu co traballo de políticos que tiñan "un espírito de servir", e non o PP dos "yeyés".

O rexedor local fixo esas declaracións aos medios de comunicación que o esperaban ás portas da Audiencia Provincial para coñecer o resultado da reunión que mantiveron o pasado xoves coa Fiscalía os avogados dos imputados no macroproceso xudicial pola suposta retirada irregular de multas na Xefatura Provincial de Tráfico de Lugo.

Rueda afirmou que o "expediente informativo" que lle abriu o partido a Isaam Algnam "deriva da situación procesal do alcalde", dado que o rexedor figura como imputado nese caso por pedir, supostamente, que lle retirasen unha sanción de tráfico.

"Creo que esas manifestacións estiveron, e non o digo como secretario xeral do partido, que tamén, senón dende o punto de vista persoal, totalmente fóra de lugar", dixo Rueda.

En todo caso, recordou que "parece que o alcalde, estes días, quíxoas matizar, rectificar. Se iso é unha rectificación, benvida sexa".

Rueda fixo estas declaracións en Lugo a preguntas dos xornalistas, logo de visitar, xunto coa delegada territorial da Xunta de Galicia, Raquel Arias, a sede da Asociación Lucense de Axuda a Enfermos Mentais (Alume).

Comentarios