O TSXG corrixe á xunta electoral e autoriza as protestas de Ourense e Pontevedra

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia autorizou esta tarde as manifestacións convocadas polos sindicatos UXT e CC OO ás 20:00 horas nas provincias de Ourense e Pontevedra que foran prohibidas polas respectivas xuntas electorais ao alegar que coinciden coa campaña para os comicios do 21 de outubro.

Nunha sentenza emitida sobre as 16:15 horas, o alto tribunal estima o recurso presentado por ambos os sindicatos ao entender que as resolucións ditadas polas xuntas electorais resultan "vulneradoras do dereito de reunión". Ademais, impón o pago dos custos á administración demandada, con arranxo á limitación antes expresada.

A sentenza revoga así a resolución das subdelegacións do Goberno de Pontevedra e Ourense de data 5 de outubro, nas que se denegaba o dereito de manifestación a celebrar esta tarde ás 20:00 horas en varias cidades de ambas as provincias.

Os sindicatos recorrentes fundamentaban o seu recurso na falta de motivación das resolucións porque, ao seu xuízo, non motivaban en absoluto unha medida tan grave como é a limitación dun dereito fundamental. Igualmente, denunciaban a vulneración do dereito de manifestación por medio dunha resolución que se limita a dar traslado dun organismo que carece de competencia.

Para rematar, os sindicatos alegaban no seu recurso a vulneración da xurisprudencia constitucional con arranxo á cal non cabe a limitación deste dereito fundamental (o de manifestación) pola existencia dun proceso de campaña electoral.

DEREITO DE REUNIÓN, INCLUSO EN CAMPAÑA

O TSXG precisa na súa sentenza que "a celebración de actos públicos de campaña electoral réxese polo disposto na lexislación reguladora do dereito de reunión" e que "as atribucións encomendadas nesta materia á autoridade gubernativa enténdense asumidas polas Xuntas Electorais Provinciais".

O alto tribunal explica que no presente caso "é evidente que a data da celebración das manifestacións coincide co período electoral", aínda que recalca que "o que non cabe é descoñecer que, á marxe desa coincidencia temporal, as manifestacións non teñen por obxecto a captación de sufraxios por parte dos convocantes polo que, en principio, son por completo alleas á campaña electoral".

Xa que logo, o TSXG considera neste caso que a Xunta Electoral carece de competencia, e puntualiza que a mesma "habería de manterse residenciada na autoridade gubernativa á que se lle pediu a autorización e que a motivación esgrimida para a denegación deveña contraria a dereito, o que determina a íntegra estimación do recurso e a anulación das resolucións recorridas".

Os secretarios xerais de CC OO e UXT de Galicia, Xosé Manuel Sánchez Aguión e José Antonio Gómez, respectivamente, rexeitaron esta mañá en conferencia de prensa a prohibición das manifestacións convocadas hoxe nas provincias de Pontevedra e Ourense que agora quedou levantada.

A medida afectaba as manifestacións de Pontevedra, Vigo, Vilagarcía e Ourense que foron prohibidas en sendas disposicións das xuntas electorais provinciais de Pontevedra e Ourense, cun criterio dispar do adoptado polas da Coruña e Lugo, onde si se permitiron.

Comentarios