O TS anula a liña de alta tensión da subestación de Mondoñedo a Boimente

Subestación de Mondoñedo. (Foto: Antonio López)
photo_camera Subestación de Mondoñedo. (Foto: Antonio López)

A asociación de veciños Vilaoriente de Mondoñedo valorou onte a sentenza do Tribunal Supremo que anula a aprobación do proxecto sectorial concedida pola Xunta para a construción da liña de alta tensión entre as subestacións de Mondoñedo e Boimente (Viveiro), recoñecendo a súa ilegalidade. «Isto supón que os 24 quilómetros desta liña que discorren polos concellos de Viveiro, Ourol, O Valadouro, Alfoz e Mondoñedo, quedan sen a cobertura legal que outorga un proxecto sectorial», indicou onte o presidente do colectivo, Carlos Maseda González.

O Supremo ditou un decreto o pasado 22 de outubro no que declara firme a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) do 22 de xaneiro de 2010, que estimaba o recurso interposto polo colectivo veciñal mindoniense contra o acordo adoptado polo Consello da Xunta no que se aprobaba o proxecto sectorial da liña de alta entre a subestación de Mondoñedo e a de Boimente e anúlao.

SITUACIÓN
Unha loita que continuará 17 anos despois

Os veciños da asociación de Vilaoriente aseguran que seguirán coa súa loita para evitar a ampliación da subestación e a construción de máis liñas de alta, a pesar de que xa acumulan 17 anos de batalla legal desde que a finais dos anos noventa E.ON, Begasa e Viesgo iniciasen a tramitación. Neste sentido, os veciños puntualizan que o ano pasado saíu a exposición pública de novo a ampliación da instalación e o plan para a construción doutra liña de alta. «Séguese tramitando, a pesar de todas as sentenzas en contra, polo que este asunto xa está rallando o penal porque non podes quebrantar as sentenzas», indican desde o colectivo e engaden que as eléctricas deben deixar a súa teimosía en ampliar esta subestación, «porque non poden estar así eternamente» tendo en conta todas as sentenzas que dan a razón aos veciños nas súas reivindicacións. Nos seus intentos de frear esta ampliación, os veciños xa presentaron alegacións ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), cuxa exposición ao público terminou o pasado día 27 logo de ser ampliado o prazo en 15 días máis do marcado en principio, para que recolla a imposibilidade da ampliación e de facer máis liñas. 

Consiga AQUÍ a información completa

Comentarios