O taller de tendencias de Sargadelos centrarase na gastronomía

A corenta edición do Taller Internacional de Tendencias Cerámicas, Sargadelos 2011, que onte foi presentado en Lugo polo presidente do consello de administración da firma José Luís Vázquez, a videpresidenta da Deputación, Lara Méndez e a deputada, Regina Polin, centrarase este ano na gastronomía. Trátase dunha nova iniciativa que consiste en analizar a interacción entre o deseño e a gastronomía facendo fincapé nos obxectos especialmente concibidos para servir alimentos específicos.

O obxectivo da actividade, que se desenvolverá na fábrica cervense durante a primeira semana de agosto, é que os participantes aprendan a mirar doutro xeito os alimentos e profunden na concepción dos obxectos para a súa degustación. Os artistas internacionais que tomarán parte no taller -dez deseñadores industriais e outros 20 especialistas chegados de diferentes países- combinarán a elaboración de pezas de xeito tradicional, e sen moldes, coa presentación dos seus propios traballos co obxectivo de compartir experiencias e impulsar futuros proxectos.

Mostra

Paralelamente, estará na antiga fábrica de fundición de Sargadelos a prestixiosa mostra de arte alemán ‘Modelos de Ulm 1953-1968'. Mediante fotografías de gran formato, paneis de texto, pezas gráficas, bosquexos de deseño ou vídeos, mostra a ampla variedade de enfoques teóricos desta disciplina herdeira da Bauhaus.

Comentarios