O Supremo mantén a inhabilitación para Otegi ata febreiro de 2021

O líder abertzale recorreu ante o Supremo para que considerase esgotada a súa pena ao entender que ía asociada á de cárcere

O Supremo ditaminou este xoves que a pena de inhabilitación para cargo público que pesa sobre o dirixente abertzale Arnaldo Otegi debe continuar ata o 28 de febreiro do ano 2021, tal e como ditaminou a Audiencia Nacional nun fallo que confirmou agora o alto tribunal.

Deste xeito, non poderá ser elixido nuns comicios ata a citada data de 2021.

Otegi foi condenado pola Audiencia a dez anos de prisión por intentar reconstruír a ilegalizada Batasuna, unha pena que o Supremo reduciu a seis anos e medio. Aquela condena incluía tamén unha pena de inhabilitación para o dereito de sufraxio pasivo e para exercer emprego ou cargo público, que a Audiencia mantivo.

O reo acudiu ante o Supremo pedindo que se considerase esgotada a súa condena a inhabilitación porque ía asociada á pena principal a cárcere, cumprida en marzo de 2016, cando saíu en liberdade.

O alto tribunal rexeitou os seus argumentos por dous motivos: un, que a condena a inhabilitación é xa firme, é dicir, non pode ser recorrida xa, dado que Otegi non se opuxo a ela a tempo.

E outra segunda, que radica en que sobre o líder abertzale recaeron dúas condenas por inhabilitación, unha primeira accesoria á pena de cárcere, pero outra segunda, que é a que segue vixente, independente da condena principal.

Así, o Supremo sinala que a cuestión queda fóra de toda dúbida pola primeira das razóns expresada: a condena xa é firme porque foi "consentida" polo afectado.

Pero, ademais, engade que, se entrase no fondo do asunto, tampouco lle daría a razón a Otegi debido á segunda razón expresada, que a súa condena impuña unha pena principal de inhabilitación, e non só outra accesoria.

O dirixente abertzale saíu do cárcere o 1 de marzo de 2016, pero a Audiencia Nacional mantívolle a condena de inhabilitación ata o ano 2021.

A resolución do Supremo que confirma ese fallo foi redactada polo maxistrado Andrés Martínez Arrieta.

Comentarios