O Seprona denuncia un suposto depósito ilegal de troitas en Muras

O Seprona, tras recibir información por parte dun veciño, denunciou esta semana a existencia dun suposto depósito de troitas ilegal en Muras, que se sitúa nunha leira particular do rexedor da localidade chairega, Issam Alnagm.

As troitas, segundo informaron desde o BNG municipal, que instou ao Seprona a denunciar esta actuación por considerala «un caso de malos tratos animais», foron liberadas nunha pequena presa contraincendios, construída cunha parede de formigón na canle dun pequeno regato que pasa polos terreos e que rexistra un baixo caudal de auga. Por este motivo, explican, e debido ao elevado aumento de animais na súa canle, produciuse a rápida oxigenación da auga, o que levou á morte de varios reos.

Desde a Consellería de Medio Rural, que aínda non recibiu a denuncia, que deberá ser trasladada ao organismo autonómico desde o Seprona, confirman a existencia desta, aínda que evitan sacar conclusións polo momento sobre a legalidade do caso debido á falta de información.

Pola súa banda, o alcalde de Muras, Issam Alnagm, decidiu non facer declaracións sobre estes feitos, denunciados por un particular.

Comentarios