O Samaín xa está aquí

Vecinos de todas las edades disfrutaron del teatro en Barreiros (Foto: AMA)
photo_camera Vecinos de todas las edades disfrutaron del teatro en Barreiros (Foto: AMA)

achégase a noite de defuntos e, con ela, as celebracións da recreación desta lenda de orixe celta, que os irlandeses exportaron a Estados Unidos, de onde agora volve para colonizarnos en nome de Halloween.

Na comarca apenas queda recuncho onde o Samaín non empeze a cobrar forza, pero é nos centros de ensino onde se envorcan a lume de biqueira. Nenos e profesores decoran estes días as cabazas, nunha xornada que terá todo o seu esplendor o xoves, con actividades diversas en cada centro, que inclúen desde disfraces monstruosos a comida deseñada ao máis puro estilo gore. Arañas, cadaleitos, cabazas ou monstros varios conviven estes días á perfección coas exposicións do outono.

O Vicedo foi o primeiro concello da comarca en oficializar un desfile de Samaín, que volverá repetirse este xoves, a partir das oito da tarde, cun percorrido polas principais rúas da localidade. Para entrar en ambiente e ir preparados xa están en marcha talleres de adornos e de decoración de cabazas, moi similares aos que se farán en Ribadeo, onde este ano tamén está previsto un desfile. Algúns xa teñen moi claro como van participar, xa que se adestraron preparando as súas cabazas no taller que realizou o Eroski no municipio.

En Cervo xa comezaron a festa o pasado sábado, cunha actividade para os máis pequenos na ocioteca, que terá unha segunda parte este venres con outra actividade no ecomuseo.

Son só algúns exemplos do que se fará ao longo e ancho.

A coral de Foz cantou para os residentes do asilo local

A asociación O Caiado de Foz xestionou a visita da coral aos residentes do asilo, quen nesta ocasión gozaron cun concerto de 45 minutos de duración, que incluíu un amplísimo repertorio, moi aplaudido polos presentes. Un dos residentes, Jamucho Neira, incluso se animou a cantar con eles unha peza, invitado pola presidenta da coral polifónica focense, Carmen Alonso.

Escolares de Lourenzá son obsequiados con marcapáxinas

Escolares de primaria do colexio Juan Rey de Lourenzá recibiron marcapáxinas de agasallo, adornados cos debuxos seleccionados no certame que a Mancomunidade de Municipios da Mariña convocou o pasado verán para fomentar o uso do galego. Precisamente o seu responsable de normalización, Luz Pérez, xunto co seu homólogo laurentino, David Caballero, e a alcaldesa repartiron os agasallos.

Vecinos de todas as idades gozaron do teatro en Barreiros

Os integrantes do grupo de teatro A Adala, da parroquia focense de Fazouro, actuaron o pasado domingo no centro sociocultural Manuel Díaz Sampedro, de Barreiros, onde representaron a obra ‘Atoados', unha actuación enmarcada dentro do proxecto Buxiganga da Deputación Provincial. A actividade súmase á desenvolvida o sábado no mesmo lugar, onde os veciños gozaron co concerto de Brigantia, con bandurria, guitarra e un recital poético. Todo un fin de semana repleto de actividades. 

Comentarios