O queixo de ouro da Chaira celebra a vixésima edición da súa festa en Vilalba

aex0602p61f3.JPG
photo_camera aex0602p61f3.JPG

UN ANO máis, Vilalba rende homenaxe a un dos seus produtos estrela, o queixo de San Simón da Costa, nunha festa que cumpre vinte anos nesta edición e que se celebrará hoxe e mañá na praza da Constitución con 4.000 unidades de queixo.

Amarelo, como o ouro, este produto é unha fonte de riquezas para a zona e para a gastronomía galega. Galardonado recentemente na feira barcelonesa Alimentaria, a difusión deste produto atinxe hoxe ao mercado internacional, para o cal o conxunto de produtores vén de poñer en marcha a marca Queixeiros da Chaira.

Dende primeira hora da mañá os visitantes poderán degustar queixos de San Simón da Costa, así como doutros queixos de España e doutros países, ademas de produtos típicos, como o roscón de Vilalba, embutidos ou artesanía.

A feira, organizada pola Asociación de Queixeiros e o Concello de Vilalba a través da empresa Funcióndeuno, complementarase cunha actividade formativa que ten por obxectivo difundir as posibilidades culinarias deste produto. Trátase dun taller de cociña para nenos, impartido por Eva Millán e Fabián León, dous concursantes de ‘MasterChef’ que máis tarde, ás sete, lerán o pregón da festa.

No día de hoxe tamén darase a coñecer o premio do xurado do concurso de tapas de queixo de San Simón, que comezou o 27 de marzo e que se prolongará ata o 13 de abril e no que participan 41 bares con tapas nas modalidades tradicional e creativa.

Os nenos volverán ser protagonistas máis tarde, cando se decida o gañador do concurso de carteis que, como todos os anos, servirá para publicitar a festa do vindeiro ano. Este especial fincapé nos máis pequenos ten a súa xustificación, segundo Javi Piñeiro, presidente da entidade organizadora da festa, a Asociación de Queixeiros, en que «os nenos son os futuros consmidores deste queixo».

Para Piñeiro, a feira «está orientada máis á promoción do produto que á súa venta, xa que agora o queixo de San Simón de Costa pode atoparse en calquera establecemento», engade.

Comentarios