O PSOE propón un fondo de crédito para pemes que contraten indefinidamente

A portavoz do PSOE no Congreso, Soraya Rodríguez, propuxo hoxe a creación dun fondo para o fomento do emprego con personalidade xurídica propia e un capital inicial de 1.000 millóns de euros para dar ata 30.000 euros de crédito ás pemes que fagan contratacións indefinidas.

Este é un dos puntos principais da emenda de totalidade á reforma laboral do Goberno que o PSOE rexistrou esta mañá no Congreso. Esta medida, segundo Soraya Rodríguez, sería a primeira de estímulo real, xa que sen crecemento será imposible conseguir o obxectivo de déficit e España empobrecerase.

O acceso ao crédito de 30.000 euros estaría aberto, ademais, para os desempregados que queiran converterse en emprendedores e para as empresas de calquera tamaño que contraten investigadores. O xuro sería 0,5 puntos superior ao Euribor -tipo ao que se prestan diñeiro os bancos na zona euro- e contaría cunha bonificación de 2 puntos por parte do Estado durante a súa vixencia.

Emenda á totalidade
Rodríguez explicou que o capital inicial do fondo se formaría cunha partida dos Orzamentos Xerais do Estado -que consecuentemente recollerá a emenda de totalidade aos mesmos que tamén presentará o PSOE- e que a el irán parar as achegas que ata agora realizan as empresas ao Tesouro Público cando despiden a persoas maiores de 50 anos tendo beneficio.

Segundo Rodríguez, a emenda de totalidade mostra a oposición frontal da súa formación á reforma laboral e, entre outras cousas, elimina a disposición adicional segunda do decreto-lei do Goberno, que só permitía a realización de ERE de extinción no emprego público.

Ademais, a emenda tamén suprime o coñecido como despedimento "exprés" -despedimento que implica o recoñecemento por parte do empresario da súa improcedencia para evitar o proceso xudicial- e volve establecer como causas económicas obxectivas para o despedimento a existencia de perdas actuais ou previstas e a diminución persistente do nivel de ingresos, tal e como se recollía na reforma laboral do PSOE.

Rodríguez tamén sinalou que habería que obrigar ás entidades financeiras ou subscribir acordos con elas para que cheguen ao sector produtivo español os créditos que obteñen a condicións vantaxosas do 1%. Este fondo, engadiu, serviría para que estes créditos cheguen á economía real.

Comentarios