O PSOE, interesado en saber ''como se repartiu o 'pastel' e en que se gastou''

O secretario de Política Autonómica e Relacións Institucionais do PSOE, Antonio Hernando, confiou hoxe en que a nova declaración xudicial do extesoureiro do PP Luis Bárcenas e a súa muller sirva para dilucidar "como se repartiu o pastel da caixa B do Partido Popular" e "en que se gastou".

Hernando chamou a atención sobre o feito "sorprendente" de que os 187 deputados do PP, outros dirixentes dese partido e os membros do Goberno actúen coma se a declaración de Bárcenas "non fose con eles". "Do que se está falando é, nin máis nin menos, da caixa B e do diñeiro negro que manexou o PP durante 20 anos", subliñou Hernando, en cuxa opinión algunha explicación teñen que dar os responsables dese partido e algunha defensa teñen que facer, "se é que hai defensa posible".

Máis aló desta reflexión, Hernando apuntou que hoxe en día "ninguén dubida de que o PP tivo unha caixa B con diñeiro negro". Por iso, incidiu en que do que se trata agora é de saber "en que se gastaron ese diñeiro, se foi en sobresoldos, en comprar sedes, en reformas sedes, en actos políticos, en campañas electorais". E en saber "canto levou Bárcenas, canto levou a súa muller ou se o levaron outros dirixentes do PP", apostilou.

En resumo, sintetizou, na Audiencia Nacional dilucídase "como se repartiu o pastel da caixa B do Partido Popular dentro do PP e en que se gastou".

Comentarios