O Concello de Vilalba impide un ciclo de cine porque o organizan os socialistas, acusa o PSOE

Xuventudes Socialistas de Vilalba criticou este domingo que o Concello, gobernado polo PP, impida a realización dun ciclo de cine nas instalacións do auditorio Carmen Estévez Eguigaray "por un único motivo, a diferencia ideolóxica entre o goberno local e a agrupación xuvenil".

O grupo xuvenil do PSOE pretendía desenvolver a fin de mes un ciclo de cine euroárabe, de carácter gratuíto e de entrada libre. Era unha actividade "destinada a dar a coñecer outro tipo de filmes non comerciais, pero de gran calidade, en versión orixinal, e cun alto contido educativo e cultural para todos os públicos".

A petición presentouse o 29 de novembro. Ante a falta de respostas, o pasado 13 de decembro Rodrigo Pavón, secretario xeral de XSG en Vilalba, preguntoulle directamente ao concelleiro de cultura, José María García Leira y Boado. E o edil, segundo relatou Pavón este domingo, negou o permiso "polo único motivo de ser a agrupación xuvenil a que organiza o evento. ‘O auditorio non se deixa nin a partidos nin a sindicatos’, afirmou o edil de Cultura". Os socialistas engaden que, ante a oferta de deixarlle ver os filmes antes, para comprobar que "non era ningún acto de índole política", García Leira, segundo o relato de Pavón, respondeu: "Non me interesan as películas árabes".

Xuventudes Socialistas considera que se trata dunha decisión "discriminatoria e partidista", pois, ademais, "as instalacións do auditorio son cedidas en numerosas ocasións para outros eventos e incluso para fins particulares". Neste senso, o grupo xuvenil do PSOE recorda que as instalacións foron cedidas para a voda do concelleiro de obras públicas e urbanismo.

Comentarios