O PSOE de Vilalba creará unha liña de atención cidadá

O grupo municipal do PSOE de Vilalba anunciou que levará no seu programa electoral para os próximos comicios municipais do 22 de maio a creación dunha liña 900 de atención á cidadanía. Os socialistas vilalbeses afirman que esta iniciativa xorde para «rachar con esa exclusión á que estiveron sometidos ata o de agora os veciños e veciñas do concello».

O comité electoral socialista vilalbés explicou esta nova proposta nunha nova reunión coas asociacións e colectivos das 29 parroquias, nesta ocasión celebrada en Torre e á que asistiron veciños desta parroquia e de Alba, Insua e Ladra. A cabeza de lista da candidatura do PSOE na capital chairega, Eduardo Vidal, afirmou que pretenden que os vilalbeses sexan partícipes do «quefacer político» no municipio.

«Durante moitos anos os veciños e veciñas de Vilalba permaneceron afastados e excluídos da vida municipal; non se lles tomou en conta para tomar decisións políticas, nin para facer xestión, nin para facer obras, nin para a programación cultural e festiva», apuntou Vidal Baamonde.

O candidato socialista engadiu que o PSOE non concibe «que se poida gobernar un municipio sen ter en conta ós seus habitantes» e que na liña 900 de atención aos cidadáns se recollerán «e contestarán todas as queixas, suxestións, peticións e informacións que os veciños acheguen».

Eduardo Vidal tamén anunciou que este comité electoral está a traballar na posible organización dun servizo municipal que propicie a concilación da vida familiar, «dedicado principalmente ás persoas maiores e dependentes», explicou.

Comentarios