O PSOE cre que Barcia utilizou en clave electoral as desfeitas no Cargadeiro

O candidato do PSOE á alcaldía de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez, considera que o rexedor ribadense, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, tratou de utilizar un feito «deleznable» como os actos vandálicos na zona do Cargadeiro desde un punto de vista electoralista.

Gutiérrez recalca que é importante «sinalar que lamentamos profunda e sinceramente os danos producidos na área do Cargadeiro». Di que son feitos «lamentables e absolutamente repudiables».

Con todo di que desde unha Administración como o goberno municipal hai que esperar «máis que queixas» e engade que non deben aceptarse «disparates coma ese de que se lles aplique o mesmo medicamento que eles aplicaron contra o mobiliario urbano».

Eduardo Gutiérrez apunta que o que debe facer o alcalde é «gobernar, e iso significa utilizar correctamente os recursos que ten e poñer a traballar as súas propias forzas de seguridade, algo do que xa hai tempo falamos. A responsabilidade é de quen goberna e máis aínda cando non se fixo nen o máis mínimo esforzo para mellorar e profesionalizar o propio corpo de policía».

O responsable socialista recalca que esa é a auténtica responsabilidade do alcalde e non a de interrogar aos veciños, que é algo da Policía, e engade que «unha cousa é contar as farois esnaquizados e outra actuar de policía vocacional. Os actos son absolutamente rexeitables, pero a reacción municipal foi pura propaganda».

Comentarios