O PSOE coruñés denuncia que o Comité de Coordinación pretende facer de Alvedro ''un aeroporto de andar por casa''

O PSOE da Coruña denunciou hoxe que Alvedro se converterá nun "aeroporto de andar por casa" tras as conclusións do comité de coordinación aeroportuaria celebrado en Compostela.

Onte constituíuse o comité de coordinación aeroportuaria coa participación de representantes do Ministerio de Fomento, da Xunta e dos tres municipios con terminal aeroportuaria en Galicia.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, insistiu na necesidade de coordinación entre os tres aeroportos xa que, ademais da caída de pasaxeiros debido á crise, hai informes que apuntan que coas vías de alta velocidade ferroviaria tanto A Coruña como Vigo perderán un 40 % do seu tráfico e Santiago un 33 %.

Estas noticias fan que a portavoz socialista na Coruña, Mar Barcón, denuncie que "o Partido Popular quere converter Alvedro nun aeroporto de andar por casa mentres Negreira -o alcalde da cidade- cale e outorga".

"Unha vez máis a Xunta de Feijóo anuncia medidas para recortar as ás do aeroporto coruñés, limitando a súa capacidade de captar voos internacionais, e o alcalde da cidade ponse de perfil e nin se pronuncia. Unha vez máis, Negreira cede ante os intereses do PP no canto de defender os intereses da cidade", apunta nun comunicado.

Barcón pregunta a Negreira se pensa cambiar de actitude ou seguirá a liña do seu mandato; "pensa defender Alvedro dos ataques da Xunta ou seguirá exercendo como alcalde do PP", expón.

Desde o PSOE insístese en que Lavacolla quedará co monopolio das rutas internacionais e Alvedro limitarase ao tráfico de negocios, segundo o exposto nos últimos días.

Insiste en que Alvedro segue sen contar coa subvención prometida pola Xunta de Galicia, que xa "birloulle' o millón de euros prometido para 2013, mentres que Lavacolla segue contando con Ryanair a pesar de que o convenio finalizou en decembro".

A concelleira de Turismo da Coruña, María Luisa Cid, declarou tras a reunión de onte que "o dialogo é fundamental" para "traballar xuntos" e converter o trío de aeroportos galegos nunha "vantaxe competitiva".

Tamén destacou que o importante non deben ser as infraestruturas senón os "pasaxeiros" e cidadáns, algo no que insistiu o Concello nas últimas datas.

Comentarios