O PSdeG fai inventario dos ''indicadores de catástrofe'' do Goberno de Feijóo

O grupo parlamentario do PSdeG presentou un voluminoso informe do período de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta, que presenta "indicadores de catástrofe", en palabras do seu portavoz, José Luis Méndez Romeu.

O deputado, acompañado pola viceportavoz, Carmen Gallego, explicou nun almorzo informativo que se trata dun balance, un estado da cuestión de Galicia logo de 5 anos do actual titular do Goberno, ao que acusou de ausencia "continuada", pois "cada vez é máis evidente que non está e cada vez é máis evidente que é irrelevante que estea ou non".

Tamén apuntou que, economicamente, socialmente e institucionalmente encamiñámonos cara a ''unha democracia de baixa calidade" e puxo o exemplo do perfil da nova conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, similar ao dos seus compañeiros de gabinete, ao seu entender, "incapaces de ter ideas, que reflicten a máis absoluta e espera negrura".

Insistiu en que os conselleiros son do denominado "perfil técnico", e en que non toman decisións e acomódanse ao modelo que impera en Galicia, denunciou Méndez Romeu.

En distintos asuntos que son de gran interese para Galicia, como a planta xudicial, a política enerxética e outros, o portavoz socialista cre que o Goberno galego "cala onde debe falar, ante o Goberno de Madrid, e fala aquí".

O parlamentario englobou a política de Núñez Feijóo no "fracaso" da que desenvolve Mariano Rajoy no Goberno central, e puxo o exemplo do axuste fiscal, que non fixo que mellore a economía e o emprego nin cambiou o modelo produtivo, de maneira que o ladrillo non foi substituído por ningunha actividade.

Denunciou así mesmo que, mentres a gran maioría padece a crise, con depreciación salarial e malas condicións de traballo, unha minoría benefíciase e incrementa as súas rendas, producindo unha desigualdade "sen precedentes na historia moderna".

Méndez Romeu criticou que se abandonaron "como nunca en 30 anos" o investimento e a contratación pública, mentres que se liquidou ''ao máximo" a I+D e reduciuse nun 8 %, ata 1.300 millóns de euros, o gasto social. Pola contra, os socialistas aprecian que se está engrosando un "río caudaloso de propaganda e sectarismo" e o Executivo está "nun nivel de ineficiencia sen precedentes" e, a base de non traballar, nin sequera executa os orzamentos.

O deputado criticou tamén que o Goberno non contesta á oposición, senón que lle pregunta, e estende, coas súas normas, a "inseguridade xurídica", xa que produce leis "declarativas, pomposas e grandilocuentes" que non xeran dereitos aos cidadáns e crean inseguridade, como no caso do eólico, con cambios incesantes de normativa, nun sector en que Galicia era punteira e o propio Feijóo considerara prioritario. Pola súa banda, Carmen Gallego incidiu máis nos ámbitos sociais, aínda que fixo unha crítica xeral a unha política económica que cando se reducen os ingresos non os incrementa vía impostos, senón que reduce gastos á conta dos sectores máis amplos e débiles da sociedade.

Para Gallego, a Xunta neste período recortou servizos e dereitos, transformou estes en caridade e emprendeu a privatización "de todo o privatizable", nunha política de aforro "da administración á conta dos administrados".

O informe elaborado polo grupo socialista aborda as áreas económica, territorial, social e institucional, con apartados en cada unha delas e que, a modo de resumo, Méndez Romeu afirmou que reflicte que Galicia se atopa "en estado de coma e, lamentablemente, de coma inducido".

Comentarios