O PSdeG de Santiago pide a dimisión de Currás ''polo ben da cidade''

O portavoz do PSdeG no Concello de Santiago, Francisco Reyes, reclamou hoxe do alcalde, o popular Ángel Currás, que deixe o cargo "polo ben da cidade"

Reyes fai esta petición logo de coñecerse a detención do concelleiro de Mobilidade, Albino Vázquez, no marco da operación Pokemon, un caso no que o propio alcalde e a concelleira de Educación están imputados.

En nota de prensa, o portavoz socialista asegura que pide a renuncia de Currás "desde o máximo respecto á institución do Concello, á figura institucional do alcalde e á presunción de inocencia para os imputados".

O representante do PSdeG critica a "falta de liderado" do alcalde e considera que a "situación de desgoberno" do Concello é "responsabilidade do PP" e do seu presidente, Alberto Núñez Feijóo.

Francisco Reyes, que considera a situación do concello como a peor nos últimos 25 anos, reclama que, tras a dimisión do alcalde, o PP "dea unha solución de estabilidade ao municipio".

Reyes non é partidario da disolución do Concello, regulada pola lei orgánica, xa que "tería que ser froito dunha aceptación dos intereses xerais e non vai acompañada automaticamente da convocatoria dunhas eleccións anticipadas".

Por iso, nestes momentos, "pensando primeiro na cidade" e "con responsabilidade", Reyes considera que non se pode demorar máis "a marcha de Currás da Alcaldía e que todo isto só sexa o recordo dun mal soño".

Comentarios