O PSdeG critica que ''non é casualidade'' que ardan zonas desérticas e abandonadas

O portavoz de Medio Rural do PSdeG, Pablo García, criticou a xestión do Goberno galego en prevención de incendios forestais e asegura que "non é casualidade" que ardan as zonas desérticas e con abandono agrícola e gandeiro.

En declaracións aos xornalistas no Parlamento galego, Pablo García sinalou que a Xunta non "acaba de entender" que a extinción non é a solución, e indicou que deberían centrarse en previr, xa que este fin de semana arderon zonas "que non estaban xestionadas".

"Podemos trasladar o mapa das zonas onde ardeu ás zonas desérticas, e non pode ser casualidade que se temos 2.000 hectáreas sen prevención, nin devasa e sen ningún tipo de franxa...Pois non, non é casualidade que acaben ardendo esas dúas mil hectáreas", sentenciou o portavoz.

"Non hai casualidades", insistiu, facendo referencia ás palabras da conselleira Rosa Quintana, nas que usou esa expresión para apuntar unha posible intencionalidade nos lumes rexistrados nos últimos días. "Se non investimos en prevención é moi difícil, teñamos os medios teñamos, extinguir o lume", sinalou García.

E puntualizou que a Consellería acaba de facer unha transferencia de fondos que "sobraron" da campaña de prevención, 1.050.000 euros, "polo tanto -remarcou- continua na mesma política, quitando diñeiro de previr para extinguir". E lamentou que chegará un momento no que os medios "non cheguen". "Como o outro día que vimos aos propios veciños enfrontándose ao lume", sinalou.

Respecto da xestión da extinción criticou que siga habendo brigadas de dúas e tres persoas, "o que habería que dicir é canta xente ten as brigadas xa que esas brigadas non están completas, nin cumpren o papel que terían que cumprir", e engadiu que "o sistema está a fallar".

Incidiu en que "ninguén pode discutir que se traten de incendios provocados", pero repetiu que se as hectáreas estivesen o suficientemente tratadas sería "imposible" que ardesen 2.000 hectáreas e unha franxa de nove quilómetros.

Comentarios