El Progreso reafírmase como líder por lectores en Lugo, segundo o EGM

El Progreso mantense como líder da prensa en Lugo, segundo os datos da última onda do Estudo Xeral de Medios (EGM). Dos 89.000 lectores que lle atribúe o EGM, El Progreso ten na capital da provincia o 44,1%, o que representa 39.242 lectores fronte ao seguinte xornal por número de lectores en Lugo capital, que contabiliza 20.434 lectores. El Progreso mantense igualmente nesta onda como terceiro xornal por número de lectores, de entre os editados en Galicia, tras A Voz de Galicia e Faro de Vigo.

Diario de Pontevedra alcanza un total de 48.000 lectores e experimenta un incremento, en contraste positivo coa tendencia xeral, dun 0,63% sobre a onda anterior e dun 3,70% sobre igual período de 2012.

Os lectores do Progreso residen na capital da provincia nun 44,1%; un 19,2 está en núcleos de poboación de entre dez e 50.000 habitantes e un 30,1% reside en núcleos inferiores a 10.000 habitantes. A media de idade é de 47,7 anos; un 58,4 dos lectores do Progreso está casado.

A Radio Galega experimentou unha subida de audiencia dun 18,4 por cento, nesta primeira onda do EGM de 2013, ao gañar 35.000 oíntes, ata 194.000, co que rexistra a maior porcentaxe de incremento das autonómicas.

A Radio Galega asegura que se bate o «rexistro histórico» e que son 213.000 as persoas que sintonizan algún dos programas da Radio Galega e Radio Galega Música de luns a venres. Se se toma como referencia o conxunto da semana, ata o domingo, a audiencia crece un 12% con 20.000 novos oíntes, segundo RG, tras os datos do EGM.

A Radio Galega tamén apunta que a radio pública é «a única» das grandes cadeas que logra incrementar os seus oíntes en Galicia, e que Radio Galega Música ten 6.000 novos oíntes e a súa audiencia increméntase en case un 50 por cento.

A Cadea SER, que segue como líder, Onda Cero e Radio Nacional de España (RNE) perderon audiencia mentres que a cadea Cope aumentouna en 265.000 oíntes, segundo os datos que achega esta primeira onda do Estudo Xeral de Medios de 2013, que se fixo pública onte.

Comentarios