O PP de Galicia considera "lóxico" devolver o Pazo de Meirás ó público

O BNG insiste en que "estará moi ben comprobar ese compromiso" no próximo pleno, no que pedirán declarar "non grata" á familia Franco
El portavoz parlamentario del PPdeG, Pedro Puy
photo_camera El portavoz parlamentario del PPdeG, Pedro Puy

O portavoz do PP no Parlamento galego, Pedro Puy, mostrouse este martes a favor de que o Pazo de Meirás sexa de titularidade pública porque sería "o lóxico" e diso "debería darse conta a familia Franco", asegurou.

Puy expresou esta opinión durante un debate no Parlamento galego no que os grupos da oposición pedían a comparecencia nun pleno extraordinario do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, para explicar a xestión de visitas ao inmoble, declarado Ben de Interese Cultural, e que na actualidade son controladas pola Fundación Francisco Franco.

O dirixente do PP galego mostrou a "clara vontade" do seu grupo de non tolerar que se incumpra a Lei de Patrimonio e de que non se faga "apoloxía do franquismo", polo que o seu partido sumarase ás posibles denuncias que houbese neste sentido.

Cargou contra o "intento claro" por parte da oposición de relacionar a un partido democrático, como o PP, "oposto a toda forma de ditadura", coa época franquista.

"Non somos franquistas, somos un partido democrático e condenamos varias veces o franquismo, non compartimos nin as ideas nin os principios da Fundación Franco nin da familia nestas circunstancias e cremos que non favorece a convivencia democrática", resolveu.

VISITAS. Con todo, a portavoz do BNG, Ana Pontón, recriminou as declaracións do PPdeG e cuestionouse como ía haber denuncias en relación ás visitas se estas non puideron levar a cabo xa que a Fundación Franco ten o teléfono apagado polo que non se poden xestionar as reservas.

Para demostralo, Pontón chamou desde o seu teléfono móbil ao número de teléfono indicado na web do Pazo de Meirás co altofalante activado e acreditou que o teléfono estaba inactivo.

Insistiu en que se o PP "está a favor de devolver ao público" o Pazo, "estará moi ben comprobar ese compromiso" no próximo pleno no que o BNG o pedirá, ademais de solicitar "declarar á Familia Franco non grata" para evitar que Meirás se converta nun "parque temático franquista".

O viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez pediu "actuacións contundentes" para recuperar un patrimonio que foi "conseguido a punta de pistola", mentres que o PPdeG agora parece porse ao lado do "vello e renacido franquismo".

Por parte do PSdeG, o portavoz do Grupo Socialista Xoaquín Fernández Leiceaga, propuxo "coller o touro polos cornos" e que o Goberno galego "non bote balóns fóra".

Para iso considerou que a Xunta debería encabezar unha comisión especial na que tamén participen a Deputación da Coruña e o Concello de Sada para analizar a vía para recuperar a titularidade pública do Pazo de Meirás, unha proposta que ao PPdeG lle pareceu "interesante", segundo sinalou Puy

Comentarios