O PPdeG solicita a comparecencia de Almunia e MAFO, ademais da de Feijóo, Currás e Fernández Antonio

O PP galego rexistrou hoxe a súa proposta de plan de traballo para a comisión de investigación do sistema financeiro galego, no que inclúen a petición de comparecencia do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo e do vicepresidente da Comisión Europea, Joaquín Almunia.

O PP, con maioría no Parlamento, propón ademais, a comparecencia do exgobernador do Banco de España Miguel Ángel Fernández Ordóñez, da actual secretaria de Estado de Orzamentos e ex conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, e do seu antecesor no Goberno galego, José Ramón Fernández Antonio.

Ademais, o grupo popular solicita a comparecencia dos máximos responsables das extintas caixas galegas, José Luis Méndez e Julio Fernández Gayoso, así como dos directivos da entidade fusionada, Novacaixalicia e do posterior banco resultante, Novagalicia Banco. Tamén propón a comparecencia dunha portavoz das plataformas de afectados a participacións preferentes.

Entre a documentación solicitada, o grupo do PP no Parlamento galego reclama o informe realizado pola auditora KPMG "avalando a potencial fusión", así como a documentación contable das extintas caixas, tanto de carácter público como reservado, da súa actividade financeira desde 2004 ata a súa conversión en banco.

Tamén inclúe a solicitude de toda a documentación relativa ás emisións de participacións preferentes que obren en poder da Consellería de Facenda e a información relativa ás indemnizacións percibidas polos exdirectivos das caixas de aforros.

Comentarios