O PPdeG pedirá xuízos rápidos para os desaloxos de vivendas okupadas

A proposición non de lei tamén contempla que se as persoas instaladas ilegalmente nas vivendas están en risco de exclusión social, sexan "reacollidas inmediatamente"
Pedro Puy
photo_camera Pedro Puy

O portavoz do PPdeG no Parlamento, Pedro Puy, deu conta este luns da reunión mantida polo seu grupo para preparar a sesión plenaria desta semana, na que os populares presentarán unha proposición non de lei que reclama que os desaloxos de vivendas okupadas sexan tratados a través de xuízos rápidos.

En rolda de prensa, Puy explicou que o obxectivo desta proposición é "reducir as molestias" aos propietarios das vivendas co obxectivo de evitar que a dilatación dos procesos xudiciais beneficie ás "mafias" e ás "persoas interesadas" nestas actividades.

Para iso, reclaman unha modificación no Código Penal que contemple este tipo de xuízos rápidos, de forma que se dea un trato adecuado á situación de "usurpación de vivendas" que existe na actualidade por parte de persoas "que aproveitan a tardanza xudicial para facer negocio á conta de acodes necesitadas".

No entanto, a medida do PPdeG tamén inclúe que se as persoas desaloxadas están "en risco de exclusión social", as mesmas deban ser "reacollidas inmediatamente" logo de abandonar a vivenda usurpada, no marco dos programas que en materia de vivenda desenvolveu a Xunta de Galicia en colaboración cos concellos.

CORREDOR ATLÁNTICO. Noutra orde de cousas, o grupo parlamentario tamén levará ao pleno ordinario da Cámara unha petición para que o Corredor Atlántico sexa incluído nas redes de transporte europeo para aproveitar "a posición geoestratégica" da comunidade.

O portavoz do PPdeG no Parlamento recordou que o seu grupo será o único que cuestione ao Executivo sobre a viaxe realizada a semana pasada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo a China e que segundo as noticias coñecidas, serviu para "abrir canles de comunicación" co país asiático en diversos ámbitos como o sector agroalimentario, a robótica e a automoción, así como para vender Galicia como destino turístico, posto que os habitantes de China demandan "cada vez máis" o acceso a viaxes ao continente europeo.

Comentarios