O PPdeG aposta por non aplicar máis quitas e ofrecer máis medios aos preferentistas

O PPdeG apostou hoxe por non aplicar máis quitas aos aforradores afectados por participacións preferentes e expresou a súa preocupación por aqueles que aínda non viron resolto o seu problema, polo que agregou que se son necesarios máis medios a Xunta poraos.

Así o indicou a deputada do PPdeG Herminia Pouso nunha reunión da comisión parlamentaria de Economía a unha proposición non de lei do BNG, que foi finalmente rexeitada, sobre as actuacións da Xunta ante a situación dos aforradores afectados por participacións preferentes e obrigacións subordinadas. "Se se necesitan máis medios para resolver máis casos" na admisión de procesos de arbitraxe, continuou Pouso, "non teña dúbida de que se porían".

O portavoz do BNG Francisco Jorquera reprochou á Xunta o seu "puro xogo de aparencias" neste asunto sobre o que "non teñen vontade" de promover arbitraxes como "solución global" a pequenos aforradores que necesitan unha "solución xusta", dixo, senón que utilizou este mecanismo para "desactivar o conflito" antes das autonómicas "creando expectativas falsas" de resolución. "Consúmase así a legalización dun roubo", sostivo o deputado do BNG sobre esta problemática.

O PPdeG presentara á iniciativa do BNG unha emenda de substitución para continuar dando cumprimento aos acordos parlamentarios sobre este asunto, pois houbo cinco por unanimidade, recordou Pouso, polo que "non se pode falar dun xogo de aparencias nin lavado de cara".

A deputada do PPdeG indicou que esta problemática afecta a todo o Estado, non só a Galicia, e aseverou que a lei de reestruturación do sistema bancario prohibe que se volvan a repetir estas prácticas abusivas.

Incidiu así mesmo en que Galicia foi "a primeira" comunidade autónoma española en porse a traballar para solucionar este problema e fixo "numerosísimas xestións" ata que se deu vía libre á arbitraxe, que xa posibilitou que máis de quince mil aforradores recuperen o seu diñeiro. Pero, explicou, "non é cuestión de que a Xunta poña máis medios" para a arbitraxe, aínda que os porá se son necesarios, aclarou, pois non é o Goberno galego o que decide este mecanismo senón a entidade bancaria e o afectado que reclama.

Pola súa banda, a deputada de AGE Yolanda Díaz cualificou de ''alucinantes" as manifestacións de Pouso porque "o PP sabe hoxe cales son aforradores e cales investidores", e o socialista Abel Losada pechou o debate afirmando que este tema é "gravísimo" e que o Goberno tivo un comportamento "reprobable", pois ademais fixo del unha "utilización claramente electoral".

Comentarios