O PP ve ''irresponsable'' que Besteiro visitara a 'non residencia' de Monterroso

A voceira do PP no Concello de Monterroso, Pilar Varela, tildou este sábado de "total irresponsabilidade" que o presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, visitase hai uns días as instalacións da residencia da terceira idade do concello, que "non dispoñían dos permisos definitivos tanto de residencia como de vivenda comunitaria".

Os socialistas, que gobernan o Concello e a Deputación, e o PP están embarcados dende hai semanas nunha guerra sobre estas instalacións, que a Xunta non autoriza como residencia xeriátrica polas súas deficiencias. De feito, inspectores da Consellería de Traballo visitarán o mércores este centro, que o PP bautizou como "non residencia".

Este sábado, Varela recordou a xornada de portas abertas de hai un mes e preguntouse que pasaría se acontecera algo nas instalacións. Por iso, insta ao alcalde, Antonio Gato, a poñer en marcha as medidas pendentes "antes do mércores", e atribúe á "mala xestión" deste rexedor socialista o feito de que o centro aínda non estea autorizado.

Comentarios