O PP solicita a limpeza do río Eo na Pontenova e repoboalo de troitas

A portavoz de conservación da natureza do PP, Emma Álvarez Chao, presentou unha proposición non de lei a través da cal solicita á Xunta de Galicia a realización dun estudo que profunde nas causas do descenso da poboación de troitas no río Eo, no seu tramo máis alto da Pontenova, co obxectivo de adoptar as medidas necesarias para cumprir coas condicións do seu hábitat e facilitar o desenvolvemento desta especie.

Emma Álvarez Chao visitou durante a semana pasada o tramo do río Eo ao seu paso pola Pontenova xunto co portavoz do PP nesta localidade mariñá, David Jorge García. Chao resaltou o preocupante «descenso de troitas que se está a producir neste río, que se pon de manifesto no volume de capturas recollidas para a celebración da Festa da Troita, que pasou de superar os 90 quilogramos hai uns anos a pouco máis de 15 na última edición».

Segundo os propios veciños da localidade do interior de Lugo as tres causas principais para este descenso de troitas neste río mariñán son tres: o incremento dos tramos sombríos no río, a sucidade existente en moitos dos seus puntos e a abundancia de carpas que devoran as troitas.

Álvarez Chao comentou ademais que esta situación que se está dando afecta economicamente aos concellos «como A Pontenova ao verse truncados os ingresos procedentes da práctica da pesca de troitas polo descenso desta especie». Por iso, a popular entende que o regreso á normalidade de Eo suporía para este concello, como para outros por onde pasa este río que desemboca entre Asturias e Galicia, unha reactivación económica.

Limpeza

Entre as medidas que se poderían adoptar, a portavoz do PP avanzou que «deberían levarse a cabo accións de limpeza e conservación do río Eo e un proceso de repoboación de troitas para conseguir elevar a presenza desta especie e que A Pontenova volva convertese nun punto de referencia para todos os amantes da pesca e da degustación desde peixe».

Ademais, tamén a hostalería e os comerciantes desta localidade ven prexudicados ao non vir tanto pescador á zona como antes, ou xente a comer as troitas, como explicaban algúns veciños pontenoveses.

Comentarios