O PP pide 139 millóns máis dos Orzamentos para as autovías de Lugo

As emendas que o PP vén de presentar aos Orzamentos Xerais do Estado suporían 139 millóns de euros máis para catro autovías da provincia de Lugo, segundo a distribución que detallou este sábado o deputado no Congreso Celso Delgado.

O maior partido da oposición ao PSOE presenta emendas que, de seren aprobadas, incrementarían o investimento do Estado en Galicia en 370 millóns de euros, o que leva a Celso Delgado a concluír que “o PP é tres veces máis útil que o BNG”, xa que as emendas que pactaron os nacionalistas co Goberno ascenden a 125 millóns.

No que se refire ás infraestruturas viarias, os populares queren que se aumente en 60 millóns a consignación para a autovía do Cantábrico, en 35 a de Lugo a Santiago, 32 máis para a de Lugo a Ourense e 12 máis para a de Chantada a Monforte.

O PP pedirá no Congreso dos Deputados incrementos orzamentarios e ademais que se movan de forma horizontal algunhas partidas da AVE galego para que “de verdade sexa factible” gastar en 2009 o que o Goberno presuposta para a alta velocidade ferroviaria. Delgado sinalou que, segundo os expertos, o investimento de 250 millóns de euros para a AVE Lubián-Ourense está inflado e é tecnicamente imposible executalo, polo que os populares demandan que se reasignen partidas.

Así, o PP quere que se reduza en 134 millóns a consignación para Lubián-Ourense e que parte deses cartos vaian, entre outros, ás tres liñas que afectan a Lugo (da capital á Coruña e Ourense e de Monforte a Ponferrada). Os aumentos para a provincia luguesa suman 16 millóns de euros.

Comentarios