O PP oponse a crear unha comisión que investigue o fracaso de Alimentos Lácteos

O PP opúxose hoxe no Parlamento a crear unha comisión que investigue o fracaso da empresa de base cooperativa Alimentos Lácteos de Outeiro de Rei, Lugo, ao entender que a oposición o emprega como "filón político" ou que se trata dunha "cruzada" para danar o Goberno galego.

A oposición -PSdeG, AGE e BNG- uniuse hoxe no pleno do Parlamento para reclamar unha comisión que investigase o fracaso desta empresa láctea que recibiu diñeiro público por importe de preto de nove millóns de euros, segundo os portavoces.

Todos eles insistiron en que Alimentos Lácteos naceu mal exposta; que beneficiou dous cargos do PP que a xestionaron, que cobraban incluso, cando estaba en crise, uns seis mil euros ao mes, e que se tratou dunha "cacicada". Así, o socialista Pablo García insistiu en que Alimentos Lácteos foi un "proxecto político" con dúas persoas do PP á fronte e nacido para "tombar outro" de varias cooperativas.

O concurso de acredores, o despedimento de 80 traballadores e as débedas aos gandeiros da comarca con que concluíu a empresa, dixo, non foi só "ineficacia e inoperancia, nin sequera chapuza, senón unha cacicada" ou un "xoguete" de Alberto Núñez Feijóo. Tamén recordou o deputado socialista que a propia administración concursal de Alimentos Lácteos informou de que xa era insolvente aos sete meses do seu nacemento a pesar do cal se mantivo con axudas públicas durante tres anos máis.

Antón Sánchez, de AGE, indicou que se tratou dun "fracaso histórico" por mor de que o proxecto foi "irresponsablemente exposto" e xestionado "de xeito caciquil".

O parlamentario de Alternativa indicou que nestes momentos é preciso coñecer toda a información sobre a empresa e destacou que se denegaron á oposición expedientes sobre créditos, ante o que indicou ao grupo maioritario que a Xunta non ten dereito a non remitirlles os datos que solicitan. "Están a ocultar unha situación moi grave" ao terse empregado numerosos recursos públicos, polo que ao seu xuízo, "están a protexer a quen tomou decisións e que é, cando menos, un incompetente", dixo Sánchez.

Pola súa banda, a nacionalista Tereixa Paz cualificou o fracaso de Alimentos Lácteos como "unha fraude e un saqueo" e recordou que se deben uns 5,7 millóns de euros aos gandeiros por leite non abonado. A deputada avogou por depurar responsabilidades políticas, xa que a Xunta "promoveu e amparou" con diñeiro público esta sociedade durante tres anos, cando o IGAPE, aínda que non tiña dereito de voto, si tiña voz no consello de administración na empresa.

Con todo, a popular Isabel García Pacín sinalou que a oposición, coa súa demanda de hoxe, escenifica "un acto máis da súa cruzada política" para "atacar" a Xunta de Feijóo, dixo. Ao seu xuízo, PSdeG, AGE e BNG tratan de buscar "neste fracaso o seu propio beneficio", comentou e insistiu en que intentaron "incluso denigrar" o cooperativismo. "Os resultados son os que son e teremos que sacar algunhas cousas positivas" do fracaso de Alimentos Lácteos, subliñou García Pacín, que insistiu en que non hai responsabilidades políticas na toma de decisións dunha empresa privada, á vez que recordou que existe un proceso xudicial aberto. Ademais, insistiu en que as responsabilidades políticas "tamén estiveron na oposición" posto que desde o principio "celebraron cada fracaso" de Alimentos Lácteos.

Igualmente, dixo á oposición que se verdadeiramente ten probas de que o PP fixo uso partidista de diñeiro público "xa sabe o que ten que facer".

Comentarios