O PP négase a declarar no caso dos computadores de Bárcenas

O asesor xurídico do partido tan só se limitou a ler unha nota na que a formación manifesta a súa vontade de colaborar coa Xustiza

O PP leu un escrito ante a titular do Xulgado de Instrución Número 32 de Madrid, que citara ao partido como investigado na causa que instrúe sobre o borrado dos discos duros dos computadores usados polo extesoureiro do PP Luis Bárcenas, pero se negou a declarar ante a maxistrada.


Fontes xurídicas informaron de que o asesor xurídico do PP, Alberto Durán, designado polo partido para representar á formación como investigado polos supostos delitos de danos informáticos e encubrimento, acolleuse ao seu dereito a non declarar ante o xuíz e tan só se limitou ler unha nota na que o PP manifesta a súa vontade de colaborar coa Xustiza.

Non respondeu ás preguntas nin do xuíz nin do fiscal ao acollerse a ese dereito constitucional por tratarse dunha persoa xurídica investigada, polo que desta forma non se someteu a interrogatorio algún no xulgado, segundo as mesmas fontes.

Dáse a circunstancia de que o PP é o primeiro partido que é citado en calidade de investigado -como anteriormente se denominaba aos imputados- posto que só é posible facelo a partir da reforma do Código Penal de 2013.

No escrito, o PP afirma que "en ningún momento se destruíu ou se borrou ningunha información do señor Bárcenas dado que os computadores, propiedade do partido, que no seu día usou no mesmo foron abandonados sen información, dato, arquivo, rexistro ou programa de ningún tipo".

Engade que "é cousa xulgada que nin o PP nin ningunha outra persoa pola súa conta se apropio dos computadores que Bárcenas reclamou hai tres anos sen ningún éxito, dado que non acreditou ningún título sobre os mesmos, nin sobre ningún arquivo que no seu día puidese aloxar neles, e que desde logo levou consigo cando abandonou o partido".

Por iso, o PP "asume e ratifica" as declaracións ante a maxistrada da tesoureira do partido, Carmen Navarro, do asesor xurídico Alberto Durán e do director de sistema de información do partido, Jose Manuel Moreno, quen aínda non declarou no xulgado.

E mostra "todo o seu respaldo" á actuación que en relación con este procedemento realizaron estas tres persoas "dentro do convencemento máis pleno de que esa actuación estivo presidida polo respecto polas normas legais e os protocolos e procedementos internos da organización".

Precisamente, Durán, que ademais estaba citado como investigado a titulo persoal, si respondeu ás preguntas do xuíz ante quen asumiu toda a responsabilidade do borrado dos discos duros dos computadores usados por Bárcenas na sede de Xénova.

No seu interrogatorio, que se prolongou máis de dúas horas e media, Durán dixo que foi el a persoa que ordenou entrar en febreiro de 2013 na sala Andalucía, aquela que servía de despacho de Bárcenas, e máis tarde autorizar o borrado dos discos duros.

Segundo as fontes presentes na sala, o avogado do PP dixo que os responsables informáticos preguntáronlle se podían proceder a borrar os discos duros en base ao protocolo do partido e el autorizou esa actuación ao afirmar que dispón da autonomía suficiente para ditar esa orde como representante legal que é.

Sinalou que si que comunicou á secretaria xeral do PP, María Dolores de Cospedal, a entrada ao despacho pero non o borrado dos discos duros que, destacou, non contiñan ningún arquivo como así lle trasladaron os informáticos que executaron a orde.

A súa declaración coincide en liñas xerais coa versión que ofreceu a semana pasada Navarro, que dixo ao xuíz que se aplicou o protocolo do partido para o formateado e posterior reasignación dos computadores, posto que o extesoureiro deixou de ser empregado do PP en 2010.

E engadiu que os responsables de informática aseguráronlle que cando os abriron non había xa documento algún do extesoureiro, cuxos correos electrónicos ademais seguían no servidor do PP.

No entanto, o exresponsable de informática do partido Javier Barrero, afirmou que non existía protocolo de actuación e que os computadores non eran do partido, senón de Luis Bárcenas.

Precisamente hoxe, a maxistrada ditou o arquivo da causa respecto de Barrero, ao entender que carecía de mando e responsabilidade no departamento de sistemas de información do PP polo que era alleo á decisión e execución do borrado.

A pasada semana Bárcenas apuntou na súa declaración ante a maxistrada a Cospedal, como a responsable de dar a orde de borrar os discos duros dos computadores que, segundo dixo, gardaban información sensible sobre a existencia dunha contabilidade B na formación política.

Comentarios