O PP pide ao Concello de Lugo que desbloquee o acceso á ponte nova

O portavoz do Grupo Municipal do PP de Lugo, Jaime Castiñeira, pediu este martes ao equipo de goberno que axilice o desbloqueo dos accesos da nova ponte da capital lucense, coa aprobación do proxecto do Ministerio de Fomento cuxo orzamento ascende a catro millóns de euros.

As obras constan de tres actuacións: o viario de conexión da nova ponte coa Rúa Santiago, a través de Volta da Viña, a conversión en glorieta da intersección existente entre a N-VI e a rúa Afonso X O Sabio e a ampliación nun carril da calzada desa estrada nacional en sentido Madrid.

Neste contexto, Castiñeira instou ao Concello a dar a súa conformidade e aprobación ao proxecto "o máis axiña posible" para que sexa posible empezar os traballos "canto antes". "Depende da axilidade do goberno municipal o feito de que poidamos ter unha tripla mellora no plano do tráfico e a mobilidade, polo que pido que non boicoteen esta iniciativa, aínda que sempre se opuxeron a ela", recoñeceu.

A xuízo de Castiñeira, esta actuación de Fomento proba que "existía unha alternativa clara e viable á vontade decidida do PSOE, que era realizar esta conexión atravesando o parque Marcos Cela, tal como era a pretensión do exministro de Fomento, José Blanco, e do exalcalde José López Orozco".

Comentarios