O PP bota abaixo unha proposta nacionalista contra a subida do canon de Sogama

O PP anunciou hoxe que se opón a unha iniciativa da nacionalista Ana Pontón que reclama non aplicar o próximo ano o incremento previsto do canon da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) nun 34 por cento.

A deputada do BNG Ana Pontón pretendía non só que se deixase sen aplicación este incremento en 2014, senón que calquera modificación do canon pasase por unha negociación coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

Durante o debate da iniciativa, tanto Pontón como o resto dos portavoces da oposición -Antón Sánchez, de AGE, e Patricia Vilán, do PSdeG- volveron insistir no que consideran "fracasado modelo" de xestión de residuos de Sogama e na necesidade de buscar fórmulas menos lesivas para o medio ambiente.

O popular Daniel Varela insistiu en que a iniciativa de Pontón "vai contra unha lei", a de orzamentos, aprobada onte no pleno do Parlamento, á vez que reprochou á oposición que inicialmente aceptasen un intento de acordo para demorar a aplicación do canon, o que logo foi "desautorizado" polas cúpulas dos partidos, dixo. Para Varela, neste asunto, na oposición "non hai vontade de acordo senón de confrontación co Goberno", e insistiu en que segue aberta a vía de negociar o futuro do tratamento dos residuos para adaptalo a novas circunstancias.

Ana Pontón replicoulle que, de momento, as leis polas que se rexe Galicia non son "divinas", polo que poden modificarse se existise vontade política. Ademais, negou que houbese negociación entre a Xunta e os concellos, senón que, tras a "presión" de varios municipios, accedeuse a unha reunión sobre a subida do canon de Sogama, a pesar do cal logo non se aceptou no seo da FEGAMP.

Para concluír, indicou que o BNG está en contra do modelo de Sogama, que é "unha bomba ambiental e económica", e busca "parar" a subida "abusiva" do canon "que van pagar os cidadáns".

Comentarios