O PP, ''disposto a falar'' para sacar adiante o plan de investimentos coas remanentes do superávit

O portavoz do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, mostrouse "disposto a falar" co goberno local para sacar adiante un plan de investimentos cos remanentes que deixou o superávit municipal do pasado ano, logo de tombar, xunto co BNG, a proposta que presentou o alcalde, José López Orozco, no último pleno.

En rolda de prensa, Castiñeira presentou "un avance con 75 propostas" que formulará para realizar eses investimentos, centradas "en persoas, zona urbana e parroquias", aínda que tamén aclarou que "non haberá negociación ata que non estea claro de canto diñeiro dispón o Concello para estas actuacións".

"Igual que coas ideas para os orzamentos de 2014, será o PP quen tome a iniciativa fronte a un goberno que opta por unha actitude plañidera en lugar de buscar acordos", dixo o portavoz popular, quen expón "como condición indispensable" para chegar a un acordo que se produza "un reforzo dos servizos electromecánicos" municipais.

As actuacións propostas polo PP afectan a todos os barrios e expón que o goberno local gaste na zona rural "os dous millóns de euros" que o goberno local débelles no que vai de mandato aos veciños das parroquias".

Os populares tamén reclaman un incremento das "partidas de urxencia social, de axuda ao aluguer de vivenda e das asignacións económicas ás asociacións de ámbito social, así como melloras en dependencias municipais desa mesma área".

Comentarios