O PP afirma que a comparecencia de Besteiro é ''propia do franquismo''

O grupo provincial do Partido Popular en Lugo emitiu un comunicado no que afirma que a comparecencia voluntaria do presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, para dar explicacións sobre o rexistro practicado o pasado venres pola xuíza Pilar de Lara é "máis propia do franquismo que dunha democracia".

Segundo os populares, Gómez Besteiro se parapetó "detrás do regulamento para calar á oposición" e impedir que o Grupo Municipal do Partido Popular puidese facer uso da súa quenda de palabra.

O PP sostén que Besteiro valeuse dunha argucia para silenciar á oposición, que non tivo oportunidade de intervir.

De feito, precisa que aínda que é certo que o regulamento do pleno non inclúe quenda de palabra nas comparecencias, o feito de que se considerase acumulada a moción do grupo provincial popular, na que se demandaban esas explicacións, impediu que os grupos políticos formulasen as súas valoracións ou preguntas.

Os populares lamentan que "o mesmo señor que presume de transparencia", non deu "a palabra ao grupo da oposición", un "feito inaudito en calquera institución democrática de España".

Finalmente, afirman que quedaron "moi insatisfeitos" coas explicacións de Besteiro, que mostrou un gran "nerviosismo" e "non aclarou nada".

Comentarios