O PP acusa a Gestagua de tomar "represalias" contra varios traballadores

Os populares lucenses esixen a Lara Méndez que actúe con "contundencia" e non permita que a empresa "impoña a política do medo" entre o persoal tras destaparse o uso indebido do laboratorio da depuradora

O grupo municipal do Partido Popular de Lugo esixiu á alcaldesa, Lara Méndez, que actúe con "contundencia" ante o que considera "represalias" da empresa Gestagua, que xestiona sen contrato en vigor o ciclo da auga na cidade, despois de que se destapase que estaba a utilizar de forma indebida o laboratorio da depuradora municipal para analizar a auga doutros lugares de Galicia.

O portavoz do grupo municipal, Jaime Castiñeira, considera "indignante" que os socialistas permitan que "a multinacional tome represalias contra os traballadores da depuradora", con despedimentos e expedientes, "aos poucos días" de que o Partido Popular denunciase "que nas súas instalacións estaban a realizarse análises de auga, a custo cero, doutros municipios galegos".

Ao seu xuízo, é "intolerable que os socialistas permitan que a empresa impoña a política do medo para silenciar á oposición e coaccionar aos traballadores", co despedimento dun operario que levaba máis de 25 anos na depuradora "e non tivo nada que ver con este polémico caso".

"Non podemos permitir que as empresas que traballan para o Concello convértanse en axencias de colocación, pero tampouco podemos permitir que se recorten dereitos dos traballadores", engadiu.

Nese sentido, pediu unha reunión urxente da xunta de portavoces para tratar a situación dunha empresa que leva sen contrato "máis de seis anos". 

Comentarios