O portavoz do Goberno de Madrid denuncia que as 'mareas' están manipuladas por ''grupos de esquerda e antisistema''

O portavoz do Goberno de Madrid, Salvador Victoria, afirmou que as manifestacións convocadas para esta tarde están "manipuladas" por grupos "de esquerda, anarquistas e antisistema", que non teñen apoio de ninguén e "danan a imaxe de España" tratando de impor "unha auténtica ditadura".

Victoria referiuse así ás mareas de protesta convocadas para hoxe, 23F, en catro puntos diferentes de Madrid para confluír todas en Neptuno e concentrarse cerca do Congreso dos Deputados. Para o portavoz do Executivo rexional, este tipo de manifestacións "pretenden saltarse os resultados das urnas e impor, baixo unha aparencia de democracia, auténticas ditaduras", polo que solicitou aos organizadores que "non sigan causando un dano lamentable ao comercio, ao turismo e á imaxe de España".

O tamén conselleiro de Presidencia e Xustiza sinalou que o que reclaman os convocantes destas mareas é "o fin da democracia e da convivencia", pero que as súas reivindicacións "non se basean en ningún tipo de proposta" porque o seu obxectivo "é acabar co sistema, porque non lles convén e porque non teñen o apoio dos cidadáns nin das urnas". "Creo que a inmensa maioría dos cidadáns non os apoian e tratan de enmascararse nunha defensa do servizo públicos que eles mesmos se encargan de torpedear", argumentou Vitoria. Engadiu que fronte a estes grupos "estamos os demócratas, os que cremos na convivencia, os que defendemos os dereitos e liberdades" e que a súa opinión iso vaise ''pór de manifesto esta tarde".

En declaracións aos xornalistas, o conselleiro fixo un chamamento "á prudencia e ao sentido da responsabilidade" de todos, para que esta tarde non se produzan incidentes graves nin danos ao mobiliario urbano e para que "isto non vaia moito máis alá das previsións". Pediu "prudencia aos cidadáns" para que hoxe "eviten transitar polas zonas polas que vai ir esa manifestación".

Así mesmo, felicitou á Delegación do Goberno en Madrid polo dispositivo de seguridade que preparou dado que, dixo, a manifestación está "sustentada sobre uns grupos con presunción de posible violencia" e que é "de altísimo risco". O conselleiro subliñou o "dano" que causa o "carrusel de manifestacións" á imaxe de Madrid nun momento no que, indicou, fai falta atraer investimento e crear emprego.

Comentarios