O PNV reta a Aguire a renunciar ao autogoberno e Mas avala a recentralización para as ''autonomías artificiais''

O portavoz do PNV no Congreso, Josu Erkoreka, retou hoxe á presidenta da Comunidade de Madrid, Esperanza Aguirre, a renunciar ao autogoberno.
 
Nos corredores da Cámara Baixa, Erkoreka replicou así á proposta de Esperanza Aguirre a Mariano Rajoy. Erkoreka considerou que "pón o dedo na chaga", porque é "un empeño equivocado" querer seguir tratando de forma igualitaria a comunidades que son "radicalmente distintas nas súas ambicións, nas súas aspiracións e nos consensos sociais, que están na base do autogoberno".
 
Por iso, insistiu en que o PNV non se oporá a que aquelas comunidades que o desexen poidan devolver competencias ao Estado. En cambio, fixo fincapé en que si se oporá a que, "co pretexto de que algunhas queiran renunciar total ou parcialmente á súa autonomía", forcen a todos a facer o mesmo: ás que queren renunciar e ás que non soamente non queren senón que perseguen "seguir profundando no autogoberno", como "é sen dúbida o caso vasco".
 
Artur Mas
O presidente da Generalitat tampouco puxo obxeccións a que se inicie en España un proceso de recentralización de competencias, a condición de que afecte só ás autonomías creadas "artificialmente" e non a territorios como o País Vasco ou Cataluña, cunha secular "vontade de autogoberno".
 
Dándolle a volta á tortilla e evitando darse por aludido, Mas invitou a aquelas comunidades, creadas durante a Transición para completar o Estado das Autonomías e que agora queiran devolver competencias ao Estado, a que o fagan sen ningún complexo. Pero condiciona esta medida a que se permita unha descentralización asimétrica e se poña fin así ao chamado "café para todos", creado "para diluír as aspiracións de Cataluña e do País Vasco" nos inicios da etapa constitucional.
 
"Se consideran que o Estado das Autonomías foi demasiado lonxe, pois que o reformulen, pero que iso non afecte a aqueles que teñen vontade de autogoberno expresada maioritariamente desde hai séculos", afirmou Mas.

comentarios